A Xunta traslada á frota de palangre galega un informe xurídico que tacha de arbitrario o veto do Goberno central á comercialización do marraxo

O ditame encargado polo Executivo galego á Universidade de Santiago de Compostela sostén que a prohibición da súa venda é contraria ao ordenamento xurídico polo que os afectados poderían recorrer esa decisión e reclamar posibles danos e prexuízos.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta semana un encontro por videoconferencia con distintos representantes da frota de palangre de superficie de Galicia no que lles trasladou as conclusións dun informe xurídico encargado pola Xunta á Universidade de Santiago de Compostela (USC) sobre o actual bloqueo do Goberno central á comercialización do marraxo. O ditame determina que o veto á importación desta especie, decretado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, constitúe unha “decisión arbitraria e contraria ao ordenamento xurídico”, polo que pode recorrerse por vía administrativa ou contencioso-administrativa.

O informe exposto ao sector incide ademais en que, acreditando que esa actuación administrativa arbitraria derivou en danos económicos á frota, existe a posibilidade de que os afectados reclamen unha responsabilidade patrimonial -danos e prexuízos- á Administración Xeral do Estado pola súa actuación.

A análise emitida pola USC pretende dar resposta ás incertezas nas que se atopa a frota de palangre, que conta cunhas posibilidades de pesca de marraxo que, unha vez capturadas, non pode comercializar ao carecer dos certificados que debe emitir o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para avalar a súa importación.

Neste sentido, o estudo xurídico subliña que, tendo en conta que a pesca do marraxo está suxeita a cotas que limitan a súa captura fixadas polas organizacións rexionais de pesca e a Unión Europea en base a criterios científicos, impedir a comercialización das capturas non se pode xustificar desde un punto de vista racional para garantir a conservación da especie. Nesta liña, lembra que ese aspecto xa foi tido en conta ao fixar as cotas de pesca e que en nada favorece a protección do recursos a prohibición da venda duns exemplares xa mortos e que foron capturados coa autorización previa da mesma Administración -neste caso do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación- que despois impide a súa comercialización.

Falla de coordinación

A situación actual é froito da falla de coordinación entre distintos departamentos do Goberno central implicados neste asunto -o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico-, un aspecto que tamén aborda a análise xurídica elaborada pola Universidade de Santiago de Compostela.

O documento recolle que a pesca e a comercialización do marraxo son dúas fases inseparables dunha mesma actividade económica dado que a captura dos recursos non ten máis finalidade que a súa comercialización. Por iso, o ditame sostén que “non é constitucional nin legalmente admisible que poida haber unha completa desconexión” entre os requisitos administrativos para a realización destas dúas partes da actividade polo simple feito de que as facultades para intervir sobre elas estean repartidas entre varios departamentos ministeriais.

Ante este escenario, Galicia volve a demandar unha solución urxente ao bloqueo que está a sufrir a comercialización do marraxo, deixando capturas retidas a bordo dos barcos ou en tránsito cara a España, o que pon en risco a rendibilidade do sector. O bloqueo das capturas de marraxo -unha especie que non é a principal na actividade desta frota, pero que supón un importante complemento na súa facturación- afecta a máis de 130 buques de palangre de superficie galegos que dan emprego a máis de 850 tripulantes. Ademais, trátase dun sector que exporta, xunto coa industria asociada a el, preto de 125 millóns de euros ao ano.