O BNG levará ao Parlamento as demandas da veciñanza afectada pola circunvalación de Ribeira

O Bloque Nacionalista Galego confirmou este venres que vai levar ao Parlamento as demandas a veciñanza de Ribeira afectada pola circunvalación impulsada pola Xunta (Consellería de Infraestruturas e Mobilidade) na contorna do monte de San Roque dende Xarás cara a Ribeira. A deputada, Rosana Pérez Fernández, e o voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, mantiveron este xoves 4 de marzo unha reunión con representantes do colectivo de afectados polo trazado da variante.

Na xuntanza os nacionalistas atenderon as demandas do colectivo que debullou as razóns polas que están en desacordo co actual proxecto proxectado pola Xunta, entre os que se inclúen “o alto impacto ambienta que tería ao mover 330.000 m³ de terra, a contaminación acústica e o impacto social pola afección que se prevé nas vivendas do lugar de Cruxeiras ou nas instalacións públicas como a escola infantil municipal e varios centros educativos”, sinalaron, engadindo “os erros de trazado que ten o proxecto actual, ao se contemplaren curvas de 90 graos e pronunciados desniveis”.

A plataforma veciñal dixo que entende que o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, “está a boicotear o estudo de alternativas”, e que, a o seu xuízo, o rexedor “dilata os prazos á espera de que a Xunta resolva as alegacións para poder dicir despois que o devandito estudo é xa innecesario”.

A deputada, Rosana Pérez Fernández, confirmou que o compromiso do BNG “pasa por afondar en alternativas ao trazado proposto pola Xunta mediante a realización dun estudo independente” que avalíe o proxecto feito por un arquitecto rianxeiro que obtivo o premio OVISA (concedido pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños Canais e Portos da Coruña) e a proposta feita polo BNG de mellorar a estrada CP-7301 que une Xarás con Frións e Carreira.

A deputada nacionalista achegou á plataforma veciñal a súa disposición para trasladar o asunto ao Parlamento de Galiza.

Alternativa por Frións

O BNG incide na “necesidade de facer un estudo no que se valore a reforma da estrada de Frións para convertela na circunvalación que Ribeira precisa”. Os argumentos esgrimidos por Pérez Fernández son que “esta alternativa presentada polo Bloque tería menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menores consecuencias sociais ao non afectar núcleos habitados e sería máis económica por ter só que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais”. Esta proposta, dixo, “tamén daría servizo a poboacións como Carreira e Aguiño”.

Tanto Xosé Vázquez Cobas como Pérez Fernández argumentaron que “dispoñer canto antes dun estudo independente que avalíe os tres trazados alternativos permitiría tomar unha decisión con maiores argumentos e coñecementos para non comprometer o futuro de Ribeira”.