DJ Plastics impulsa un novo proxecto artístico-participativo para mellorar o mundo

Os responsábeis do proxecto de ocio para adolescentes Express-Arte, impulsado polos Servizos Sociais de Ribeira, están a organizar intervencións artísticas para sensibilizar á poboación de cara “a mellorar a realidade social que nos rodea”. Ao abeiro do proxecto, co-financiado polo Concello e o Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020, púxose en marcha colectivo artístico DJ. Plastics, formado por un grupo de adolescentes que, xunto coa artista Paula López Vallejo, encárganse de combater con creatividade colectiva desigualdades, inxustizas, exclusións e hábitos prexudiciais para a saúde e/ou o medio ambiente. De aquí xurdiron a campaña contra o bullying da que falamos a semana pasada dende O Barbanza e máis a iniciativa colaborativa con usuarios da residencia de maiores para o deseño de bolsas ecolóxicas.

Desta vez a nova acción que se pretende poñer en práctica chámase Panza chea e algo máis

dav

Que é Panza chea e algo máis?

A frase que dá nome a esta acción é un fragmento dun dito popular que trata sobre as cousas esencialmente importantes da vida. A raíz desta premisa, lánzase un convite á reflexión sobre como cada unha e un de nós pode mellorar o noso entorno e incidir de xeito positivo en quen nos rodea, usando a arte como ferramenta de conexión entre as persoas.

Como se traballará?

Partindo da idea dos beneficios persoais de axudar aos demais, cada participante creará unha “boa obra” artística coa que mellorar a calidade de vida de alguén que lle importe, confeccionando entre todas/os un mosaico de pezas coas emocións como nexo común. Establécese así unha analoxía entre os conceptos de “boa obra” entendida como unha acción para a mellora da calidade de vida das persoas, e unha obra de arte considerada de alta calidade “obra boa”.

De xeito paralelo, levarase a cabo un rexistro gráfico de todo o proceso e das obras finais realizadas polo grupo de artistas, que será difundido a través de redes sociais e outros medios de comunicación.

Quen pode participar?

Un grupo máximo de ata 10 rapazas e rapaces de entre 14 e 17 anos que teñan interese en participar. Non é preciso ter coñecementos técnicos de ningún tipo. Realizarase a selección seguindo a orde de inscrición ata que se esgoten as prazas.

Onde se realizarán os obradoiros?

Todas as sesións desenvolveranse nas aulas municipais situadas nas galerías da rúa Cristobal Colón (fronte ao tanatorio).

Cando?

Xoves de 17h a 20h. Dende o 18 de marzo ata o 15 de abril de 2021.

Datas

Do 18 e 25 de marzo, 8 e 15 de abril (se fose preciso ampliarase a 5 sesións, rematando o 22 de abril, en lugar do 15)

Como e ata cando me podo inscribir?

A persoa responsábel da/o menor contactará por teléfono coa Educadora Social dos Servizos Sociais, Iria Alén Salgado. Teléfono: 981377512 de luns a venres de 9 a 14h. Praza 8 de marzo S/N. Ata o 17 de marzo.