“De bandeiras e sancións”. Antón Luaces

Lembro tempos nos que ninguén enarboraba no seu barco de pesca a bandeira española nin ningunha outra. A bandeira de España quedaba para os buques mercantes e, obviamente, os pertencentes á Armada española.Reinstaurada tras a morte de Franco a democracia e constituida a España das Autonomías, as comunidades autónomas “históricas” (nomeadamente Galicia, Euskadi e Cataluña) relaxaron as medidas de cumprimento por parte das embarcacións pesqueiras e comezaron a consentirse como única bandeira a de cada unha desas autonomías, ás que se sumaron barcos de Andalucía, Canarias e algún asturiano.  Pero as autoridades encargadas de velar polo cumprimento das normas a este respecto, actúan de vez en cando e sancionan se hai incumprimento delas.
A GARDA CIVIL SANCIONA EMBARCACIÓNS SEN BANDEIRA NACIONAL.
Algúns medios de comunicación galegos alertaban hai uns días sobre as actuacións da Garda Civil, que sancionaron a unha vintena de barcos e lanchas de pesca -con base na súa maioría en portos da Mariña de Lugo- que non enarboraban a bandeira bicolor -sen especificar se levaban ou non o emblema nacional- que as significa como pertencentes ao Reino de España. Estas sancións molestaron aos armadores das embarcacións multadas e tamén a determinados partidos políticos, especialmente os de corte nacionalista  galego, cando, na realidade, queda explícito que o Censo de la Flota Pesquera Operativa  “contendrá la relación de buques de bandera españoles que pueden ejercer la actividad pesquera [..] en aguas exteriores y los que simultanean aguas exteriores e interiores”. O mesmo acontece co previsto no Registro General de la Flota Pesquera  na que “están incluidos todos los buques pesqueros con pabellón español que forman parte del Registro Comunitario de Buques”. Polo tanto, buques de bandeira españois ou buques con pavillón español. 
BANDEIRA GALEGA V/S ESPAÑA.
​Síntese un máis galego por enarborar no seu barco a bandeira de Galicia ou provoca irresponsablemente unha confrontación patriótica por non facelo coa bandeira española?. Haberá, seguro, quen sí, pero levar na popa ou no mastro a bandeira galega semella non ser desacato na maioría dos casos nen, moito menos, desprezo ao emblema de todos os españois. 
É máis español quen enarbora na súa embarcación deportiva o emblema da familia Borbón sobre fondo azul?. Pois, tanto na dársena deportiva da Coruña coma noutras desta Comunidade Autónoma abundan os que se decantan por tal distintivo sen pertencer, por exemplo, á Casa Real española.As embarcacións españolas deben levar izada a bandeira nacional; pero teñen a posibilidade de levar izada asimesmo a bandeira autonómica sempre que se cumpran os requisitos de tamaño e lugar de izado concordando coa Lei 39/1981 que regula o uso da bandeira de España e o doutras bandeiras e emblemas establecendo formas, dimensións e cores da bandeira española dispoñendo que a bandeira de España  se enarborará como pavillón en buques, embarcacións e artefactos frotantes españois, calquera que sexa o seu tipo , clase ou actividade, segundo o que establecen as disposicións e usos que rexen a navegación.
OS BUQUES SO PODEN TER IZADA A BANDEIRA DUN ESTADO.
A regulación básica sobre a bandeira que enarboran os buques figura na Ley de Puertos del Estado y de la Marina Mercante. Esta dispón que os buques, debidamente rexistrados e abandeirados en España, teñen nacionalidade española. De tal xeito os buques só poden ter izada a bandeira dun Estado; outra cousa é que o patrón ou capitán responsable non cumpra as súas obrigas profesionais e poida ser, por elo,  obxecto de sancións administrativas.En España a materia do pavillón é competencia exclusiva do Estado e a súa regulación básica figura na devandita Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante.  Esta Lei obriga tanto ós buques mercantes como aos pesqueiros e embarcacións de recreo; de maneira que, o feito de non levar izada a bandeira oficial da súa nacionalidade é constitutivo de infracción leve, se ben é unha cuestión que en España apenas se viña controlando.
OUTROS PAÍSES SANCIONAN DURAMENTE A INFRACIÓN.
O feito de non enarborar a bandeira oficial dunha nación é motivo de sancións con multas elevadas. Nos Estados Unidos, por exemplo, o patrón da embarcación infratora pode ser acusado de varias contravencións. En España, en xeral, o uso da bandeira nacional sobre todo nos barcos de pesca e os de recreo soe non ser o axeitado: nos portos poden verse embarcacións con bandeiras de dimensión e feitura incorrecta que non se axustan ao criterio regulamentariamente establecido. Mesmo en determinados portos, como xa está dito, hai embarcacións que enarboran únicamente a bandeira da comunidade autónoma.A Constitución española define a bandeira española e recoñece as bandeiras e emblemas das comunidades autónomas atribuindo á Administración estatal competencia exclusiva en materia de abandeiramento de buques.No que atinxe á colocación, a bandeira de España ha de ir na asta de popa e o pico do pau maior, e non poderá permanecer izada ningunha outra bandeira nen emblema a bordo se non está a bandeira nacional. A máis, ningunha outra bandeira izada a bordo pode ter unha superficie superior a un terzo da bandeira española izada.A relación bandeira buque é un principio de Dereito universal que determina a autoridade, xurisdicción e protección do Estado dos barcos baixo o seu pavillón, así como o exercicio das súas potestade. Outra cousa é que se se mire cara outro sitio, que non foi o caso da Mariña lucense e outros casos anteriormente rexistrados tanto no mar como en portos galegos.