Paula Iglesias: “Resulta admirable a capacidade de superación e adaptación da xente refuxiada de Tinduf”

As directoras Paula Iglesias e Ana Serna

A Academia de Cine deu a coñecer os días pasados as cintas nomeadas á 35 edición dos Premios Goya, galardóns que se entregarán o 6 de marzo no Teatro Soho CaixaBank de Málaga. Entre as producións incluídas atópase unha que nos colle moi de preto: Sólo son peces, co-dirixida por Paula Iglesias, natural da parroquia de Queiruga (Porto do Son). Opta ao galardón dentro da categoría de curtametraxes documentais e cóntanos a historia de tres mulleres, Teslem, Dehba e Jadija, que traballan nunha piscifactoría nos campamentos de poboación refuxiada saharauí, en pleno deserto de Alxeria, lonxe da súa terra de orixe por mor do conflito con Marrocos.

O documental, que se titula Sólo son peces polo contacto das tres protagonistas cos seres acuáticos (un recordatorio constante da súa estreita relación interrompida co mar que baña o antigo Sáhara Español), foi co-dirixido xunto con Ana Serna (Bilbao 1988) a través da produtora compartida Al Borde Films.

O achegamento á vida das mulleres saharauís de Tinduf proposto pola sonense Paula Iglesias e Ana Serna pode verse estes días na Rede, na páxina web do documental. Tamén pode verse na plataforma de cinema en streaming Filmin.

Falamos con Paula para que nos fale en primeira da súa experiencia en Tinduf e de como está a afrontar o importante recoñecemento de ter chegado á recta final dos Premios Goya.

Paula os recoñecementos son importantes polo que teñen de empurrón ao voso traballo ou son relevantes porque poñen de manifesto o problema social e histórico que plasmades no documental?

-Pois a verdade é que é importante polas dúas cousas. Cando nos chegou a nova de que estabamos preseleccionadas foi todo un subidón claro, pero tamén coincidiu xusto no mesmo momento no que se desatou o conflito bélico entre o Sahara Occidental e Marrocos, polo que o primeiro sabor de boca foi agridoce. Iso si, démoslle a volta de contado para utilizar toda a capacidade de incidencia que se estaba a poñer nas nosas mans en prol de visibilizar o conflito e traelo de novo á axenda mediática.

-Que vos levou a achegar os vosos obxectivos á problemática que está a vivir a poboación saharauí nos campamentos de Tinduf, e poñendo o foco especialmente na poboación feminina? Por que alí? Por que é un problema que nos toca de cheo aos cidadáns españois, pola nosa responsabilidade pasada cos saharauís?

O proxecto nace dunha proposta da Asociación de Amigos e Amigas da RASD de Araba que tiña como premisa de partida a xestión da auga nos campamentos de poboación refuxiada. Estamos moi agradecidas de poder traballar con esta entidade porque nos achegaron a investigación suficiente para poder poñer a historia en contexto así como nos deron total liberdade creativa. A súa confianza foi fundamental para poder deixarnos levar e incorporar a nosa mirada máis persoal ao relato. Segundo fomos coñecendo máis a realidade dos campamentos, chamounos moito a atención o papel da muller como peza fundamental na súa organización social e estrutural. Ao toparnos con estas tres biólogas vimos claro que eran elas as protagonistas.

As directoras nunha entrevista no festival ZINEBI

-Considerades que podemos facer algo, as e os espectadores de a pé, para comezar a poñer remedio á situación na que viven os antigos habitantes da colonia española?

-En todo momento enfocamos o noso punto de vista en poñer en cuestión a nosa propia responsabilidade cidadá á hora de remarcar a débeda histórica con este territorio. Cremos que se poden facer cousas, por pequenas que parezan: acudir a unha manifestación de apoio, compartir contido nas redes, etiquetar a institucións políticas reclamando que tomen cartas… todo suma.

-Tivestes algún problema para rodar por parte da poboación refuxiada? E por parte das autoridades de Alxeria e Marrocos?

-A única dificultade que tivemos estaba vinculada coa nosa propia seguridade: non podíamos saír da wilaya sen acompañamento de escoltas. Ás veces isto podía dificultar un pouco a rodaxe, pero tamén nos volvía a poñer os pés sobre a terra para non esquecer que estabamos a rodar nun territorio en conflito.

-Como son as condicións de vida nos campamentos de Tinduf?

-O tempo detense e o momento do té convértese en algo máxico. Obviamente 45 anos no deserto con grandes dificultades de acceso á auga, e con total dependencia da axuda internacional, fan estragos. Se a isto lle sumas o silencio político, a súa capacidade de superación e adaptación convértese en admirable. Volvín con moita aprendizaxe das persoas cas que compartimos esta historia e do propio equipo. Parte del viña da Escola de Formación Audiovisual Abidin Kaid Saleh dos campamentos, sen eles non tería sido posible gravar este docu.

-Fálanos do documental, do que podemos atopar nel e do traballo coas mulleres que son as súas protagonistas. De onde vén o título, Sólo son peces?

-O documental trata sobre tres mulleres que traballan na piscifactoría que acababan de abrir xusto no transcurso da nosa primeira viaxe aos campamentos. Tan pronto nos comezaron a falar da tilapia (o peixe que alí cultivaban) e das súas fortalezas á hora de adaptarse a un entorno tan hostil como a hamada alxerina, vimos claro o paralelismo coa propia poboación refuxiada. A tilapia tamén está desprazada do seu lugar de orixe en contra da súa vontade e é capaz de superar todo tipo de dificultades para sobrevivir. Co cartaz da muller pescando no deserto queríamos xogar co absurdo da situación de que se siga mantendo xente nunhas condicións tan extremas, e co título en realidade queríamos deixar claro, con certa retranca, que non só son peixes.

-Que estades a argallar neste momento? Cal é o voso seguinte proxecto?

-Estamos nun momento moi ilusionante e con moitos proxectos en marcha, aínda que en diferentes fases. Temos outra curta, Lanbroa (Brétema), en distribución coa axencia Freak que está pendente de estrea. É un proxecto moi persoal que pon en diálogo a superación dun proceso de cancro coa restauración de reloxos monumentais. É un relato cheo de poesía visual cunha banda sonora incrible da man de Maite Arroitajauregi, nomeada tamén agora aos premios Goya por Akelarre. Por outro lado, estamos coa preparación dunha curta persoal sobre a crise de coidados destapada durante a pandemia que conta xa co apoio do ICAA e do Goberno Vasco e tamén estamos a piques de gravar unha longametraxe documental sobre exilio e refuxio da man de CEAR-Euskadi.

-Paula, imaxinamos que coa que está caendo en materia sanitaria pouco te deixarás ver pola túa parroquia (Queiruga) e o teu concello, Porto do Son. Mantés vivos os vínculos coa xente da túa terra de orixe?

Pois a verdade é que estiven hai pouco botando unhas semanas. Sempre que podo acumular algo de choio de edición, collo o ordenador e boto unha tempada. Montar Al Borde films foi coma criar unha filla, ao principio hai que estar moi pendente dela porque hai que axudala a camiñar e requíreche o 100% de atención, pero agora que xa é unha nena un pouco maior, permíteme ter un pouco máis de liberdade. O teletraballo non é nada novo para min e a verdade é que estou contenta de poder contar con esta flexibilidade laboral para poder manter a conexión non só coa terra, senón coa xente que quero. Non podo estar moito tempo lonxe , éntrame a morriña moi rápido.

Argumento de Sólo son peces

A poboación saharauí refuxiada nos campamentos situados en Tinduf (Alxeria) fai fronte desde hai 45 anos a duras condicións de vida en pleno deserto, agravadas pola escaseza de recursos e a dependencia da axuda internacional. Con todo, o pobo saharauí provén dun territorio rico en recursos naturais, reservas de auga e unha costa cun importante caladoiro. A pesar de verse privada do seu mar, demostraron a súa capacidade de superación e resistencia coa posta en marcha dunha piscifactoría en plena hamada (deserto). Unha zona que pode alcanzar os 50 graos centígrados no verán e onde as tormentas de area destrúen o invernadoiro que protexe aos peixes do frío da noite.

Teslem (32), Dahba (33) e Jadija (30) son tres mulleres nadas nos campamentos de refuxiados saharauís ao sur de Alxeria. Saíron a estudar ao norte do país e regresaron aos campamentos. Agora traballan na piscifactoría. Ansían volver a unha terra onde nunca estiveron, con mar, como os peixes.