Ignacio Lens: “A escritura será sempre unha maneira de evadirnos dos problemas”

19 Xaneiro 2021

Ante a adversidade, creación. Este lema ten especial significado nestes tempos de pandemia e cobra aínda máis forza no traballo literario do ribeirense Ignacio Lens Sarasquete, quen plantou cara a unha longa serie de “anos duros” co descubrimento, tardío pero benvido, da poesía. Froito desta paixón xurdiu Versos Diversos e agora está a piques de ver a luz Universos. Falamos con Nacho para que nos adiante cousas do libro e nos recorde ate que punto a alma de cada quen pode atopar acougo e tranquilidade no acto de crear, mesmo no medio dun ano tan convulso como o que vimos de deixar atrás.

P-Nacho xa non es un debutante nisto da literatura, e hai xa máis de tres anos, se non recordamos mal, que te vimos lanzándote á edición co libro de poemas e reflexións Versos Diversos. Ou sexa, que debutaches en 2017 no ámbito da publicación, pero o formigo da escritura é seguro que che veña de antes. Cando comezaches a escribir e por que motivo?

R-Comencei a escribir xa hai uns dez anos nun blog que aínda existe e de vez en cando público algo nel. Claro que agora público poesía (creo que xa non sei escribir de outro xeito).

P-Como foi a acollida de Versos Diversos? Quedaches satisfeito da túa irrupción no ámbito das letras?

R-A acollida de Versos diversos foi moi boa e superou as miñas expectativas. Claro que tamén tivo moito que ver o facer unha presentación como se fixo.

P-Hai uns días adiantáchesnos que estás preparando un novo libro. Cóntanos algo del, do titulo e de a que responde, da súa orixe e do que nos ofreces nas súas páxinas…

R-Si, xa teño o segundo libro, co título Universos e xa está en “fabricación”, e espero telo nas mans, mais ou menos o vinte de xaneiro. Debido a carga de traballo da imprenta, non puido estar antes como era a miña intención, para telo dispoñible para estas festas do Nadal. Eu levarei algúns exemplares a un par de librerías de Ribeira e Santiago. Pero tamén pódese mercar por Internet nos seguintes enderezos:

· https://libros.cc/Universos.htm

· https://libros.cc/librerias.php

· En Amazon https://n9.cl/u0y4s

E en canto a facer presentación, co asunto da pandemia e tal como están as cousas, é un pouco arriscado. Así que decidín sacalo e despois xa verei.

P-É moi complicado publicar unha obra literaria, a día de hoxe, dende a independencia e a liberdade creativa nas que sabemos que traballas?

R-Si, é moi complexo, sobre todo para os que non somos coñecidos ou non temos un recorrido no asunto. Basicamente temos que autoeditar da man dunha editorial que che corrixe o texto, fai a maquetación e pon o libro nas librerías, previo pago de moitos cartos. Pero, paga a pena!

P-A quen te gustaría adicar esta nova obra que nos presentas? Falamos por unha banda das túas principais influencias creativas directas (eses autores, músicos e artistas máis ou menos consagrados dos que todas e todos temos un recordo especial), pero tamén da xente máis anónima, de lectoras e lectores que te puideron regalar o libro axeitado no intre axeitado, ou que te puxeron a canción indicada no momento indicado, ou persoas que te inspiraron e te animaron a seguir esta senda….

R- Bueno o libro adícollo sobre todo á miña familia e aos meus amigos, e a todos eses autores de cabeceira: Galeano, Benedetti, Lorca o Neruda, que ao longo do tempo fun lendo. Con todo, direiche que nunca se me pasou pola cabeza que acabaría escribindo poesía, aínda que sexa “poesía canalla” como a min gústame chamala.

P-É o impulso artístico e creativo que levamos dentro (a poesía, a literatura, a música, a fotografía) un antídoto contra os embates que recibimos da realidade?

R-Claro, é e será sempre unha forma de evadirse dos problemas, entre outras moitas cousas. Estes anos foron bastante duros pra min e escribindo foi onde me atopei mais cómodo. É un xeito de esquecer o que nos produce inquietude ou nos fai sufrir e ocupar o día.

P-Meténdonos en faena, fálame en detalle das cousas que podemos atopar en Universos

R-É un libro de “poesía canalla” cuns cantos ingredientes de nostalxia, humor e de facer balance de experiencias vividas. Na introdución dise que é “un repaso á vida e aos mellores momentos; que se intercalan con reflexións sobre as cousas cotiás, o amor, a sensualidade e a escritura”. Unha das cousas que quixen facer foi conectar cos lectores e lectoras, a fin de contas escribir debe parecerse moito a abrir ante os demais un camiño directo cara a túa alma. A editora de Vadeletras, María Antuña, destacou que a experiencia de ter lido o libro valeulle entre outras cousas, mira ti por onde, para sentir como alguén describía un momento especial da súa vida. Este era un dos meus obxectivos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...