En Rianxo, o Concello quere que en 2030 as emisións de CO2 se reduzan case á metade

O Concello de Rianxo informou da aprobación do Plan de Acción para o Clima, unha iniciativa que ten a súa orixe na súa adhesión, en 2016, ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, consistente en xuntar forzas, dende as administracións locais, para asegurar os obxectivos sustentábeis da Unión Europea para 2030 e, polo tanto, reducir as emisións de CO2 en cadanseus territorios en, polo menos, o 40 % (a través de medidas de eficiencia enerxética nos edificios municipais ou un uso meirande de fontes de enerxía renovábel para as ditas dependencias, para o transporte ou para o alumeado público). O Concello de Rianxo fixo propios estes obxectivos e estes días referendou o desafío de minimizar as emisións na devandita porcentaxe do 40% até o 2030 e tendo como referencia as taxas acadadas en 2017.

O devandito reto significa que as emisións de Rianxo en 2030 non deberán superar os 22471 TeqCO2 ao ano desde as 37768 TeqCO2 ao ano actuais.

As medidas, engade o Concello, “suxiren unha diminución gradual de emisións nos sectores clave de 50 % dos edificios municipais, 60 % do alumeado público e 40 % dos edificios privados/terciarios e do transporte, medidas de fiscalidade verde, medidas de mellora da mobilidade, entre outras”.