A xente de Aguiño e O Son rende unha nova e sentida homenaxe ao sacerdote Francisco Lorenzo Mariño

Homenaxe ao sacerdote diante do seu busto, no adro da Igrexa de Aguiño

Malia que por mor da pandemia a directiva da Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, que leva o nome dun dos persoeiros máis sobranceiros e queridos da parroquia ribeirense (o que foi o seu párroco dende finais da década dos cincuenta do século pasado, cando se estableceu en Aguiño e impulsou a construción do xa histórico templo con feitura de buque pesqueiro), decidiu adiar para o mes de maio a celebración da edición número quince da Semana Cultural FLM, o colectivo non quixo deixar pasar a xornada do 16 de xaneiro sen facerlle ao sacerdote a tradicional homenaxe floral que se leva a cabo dende o seu falecemento, na devandita data do ano 2004.

Ofrenda floral diante da súa tumba, en Porto do Son

As actividades centráronse principalmente no adro da igrexa de Aguiño, diante do busto do párroco, ao non poder desprazarse a xente da entidade a Porto do Son, onde está soterrado o sacerdote, por estar perimetrado o concello de Ribeira. Con todo, a xente do Son tamén contribuíu ao recordatorio no Cemiterio de San Vicente de Noal.

Os actos realizáronse na tarde do sábado 16, día no que se cumprían dezasete anos do pasamento de don Francisco, o primeiro no Cemiterio de San Vicente de Noal en Porto do Son ás 17:00 h a cargo de Bernardo Vila Cameán (Pepe Vila) como emisario da asociación de Aguiño e Marta Sopeña e Xosé Lois Villar en representación da Asociación Irimia, colocaron un ramo de rosas vermellas coa bandeira de Galicia e unha vela, rezando un Noso Pai.

En Aguiño a actividade foi ao remate da Misa Aniversario, que tivo lugar na Igrexa do Carme ás 18:00 h, a cargo da Presidenta Elvira Pisos Arnoso e outros membros da directiva como Unai González, Rosita Millet, Pepita Suárez, Moncha e Teruca Sampedro, Sara Reiriz, Carmencita Sampedro, etc e o párroco de Aguiño, Julio Cárdenas. Consistiu tamén nunha ofrenda floral coa bandeira de Galicia, unha vela e a oración do Noso Pai.

Os días 7, 8 e 9 de maio, coincidindo coa aniversario da fundación da parroquia, o 9 de maio de 1959, desenvolveranse diversos eventos para celebrar a XV edición da Semana Cultural FLM e tamén unha nova ofrenda floral xa no Son, coa lectura do manifesto que dende 2005 vén facendo o colectivo de Aguiño diante da tumba do párroco fundador da parroquia.