A Mesa de Negociación do Concello de Rianxo aprobou por unanimidade un novo convenio colectivo para o persoal laboral, o acordo regulador para os funcionarios, o regulamento de teletraballo e o regulamento de segunda actividade para todo o persoal ao servizo da Administración local.
Os textos aprobados implicaron na negociación ao conxunto do comité de empresa, a representante do funcionariado e os sindicatos CIG, UXT, CCOO e CSIF e por parte do Concello, á Alcadía. En conxunto a valoración do acordado foi “moi positiva” e o último chanzo antes da futura aprobación da relación de postos de traballo ou RPT que se prevé finalizar nuns meses.
Agora tralo paso pola Mesa de Negociación os acordos elevaranse o pleno municipal de ser preceptivo para a súa ratificación.
Ademais da posta ao día do convenio colectivo e do acordo regulador, o Concello explicou que “o regulamento de teletraballo supón unha ferramenta para establecer os protocolos de funcionamento da administración e dos departamentos non só en tempos de pandemia, senón nun novo xeito de traballar por tarefas, favorecendo a conciliación, con obxectivos e garantindo sempre a atención presencial”. E engadiu: “Esta será sempre semanalmente de polo menos de dúas xornadas, pois o teletraballo, voluntario e acordado polas partes, empresa e traballador/a, nunca superará o 50 % da xornada mensual”.
O Goberno local tamén fixo saber que o regulamento de segunda actividade sae ao paso de situacións e problemas físicos para desempeñar as tarefas ordinarias por parte dos traballadores que, porén, non impiden seguir con outras tarefas en postos diferentes, evitando o cese da relación laboral prematuramente, coa conseguinte redución de dereitos e salarios laborais, e seguindo este traballo ata a súa extinción a petición do traballador. De feito, engade a Concello, xa existía para a Policía Local por lei e quíxose ampliar esta prestación para o conxunto de traballadoras e traballadores.
Nas súas intervencións, o alcalde Adolfo Muíños destacou o “positivo clima de traballo xerado que deu lugar a esta unanimidade” xunto ao traballo do asesor Santos Lorenzo para chegar a acordos.