O Concello de Boiro vai extremar os controis e as medidas de prevención esta fin de semana, unha vez entradas en vigor as restricións ditadas polas autoridades sanitarias. A Policía Local de Boiro tivo que intervir en varias ocasións durante a mañá para avisar a poboación da necesidade de cumprir coas novas restricións, como son o limite máximo do 50% nas terrazas e os grupos de 4 persoas.
O Concello de Boiro leva semanas solicitando a colaboración da
administración autonómica para o control da pandemia no municipio. “Levamos dúas semanas insistindo na necesidade da realización dun cribado masivo en Boiro para detectar focos de contaxio e frear a expansión do virus. Non obtivemos resposta a esta solicitude ata un día antes de decretar o peche perimetal. Se Sanidade tivese actuado cando se fixo noutros municipios do Barbanza non teríamos chegaramos á situación na que estamos agora”, denuncia o alcalde, José Ramón Romero.
A Comisión de Seguimento da Evolución da Covid-19 reúnese de xeito
semanal dende o inicio da pandemia para o control da situación do municipio e tomar decisións coordinadas entre a Policía Local, Protección Civil e Servizos Sociais. Dende o departamento municipal de Servicios Sociais faise un seguimento diario da evolución dos contaxios e das necesidades que poidan surxir das persoas positivo, como a recollida de lixo ou o reparto de alimentos.
As forzas de seguridade local dan tramite a diario ás sancións por
incumprir as restricións e medidas de seguridade, como son o uso indebido de máscara ou o incumprimento do toque de queda. “Levamos semanas esixindo medidas e solicitando colaboración para o control da poboación e imos ser contundentes para que se cumpran e frear a curva de contaxios no municipio.
Solicitamos tamén a colaboración da Policía Autonómica para o control do
cumprimento das medidas fai dúas semanas, pero aínda non tivemos resposta a esta demanda”, lamenta José Ramón Romero.
“Dende o Concello de Boiro traballamos con todos os medios que temos
á nosa disposición para frear a curva de contaxios. Estamos a disposición das demais administracións para traballar en conxunto e frear a expansión do virus. É un traballo de todos e todas”, afirma o alcalde.
Os operarios municipais de Protección Civil continúan realizando a diario
as tarefas de limpeza e desinfección en mobiliario urbano, perímetros de
centros educativos e zonas de maior afluencia de xente, tal e como se vén
facendo dende a declaración do estado de alarma, e unha tarefa para a que o Concello de Boiro solicitou a colaboración do exercito a través da
subdelegación do goberno e tamén dos bombeiros para a desinfección da
contorna do Mercado Municipal e o Centro de Saúde.
As actividades culturais e deportivas seguen canceladas e os parques
infantís, pistas e instalacións deportivas seguen pechadas ata novo aviso,
segundo un Decreto de Alcaldía publicado este xoves, á espera de como
evoluciona o número de contaxios.
A hostalaría boirense e unha parte do sector industrial foron chamados
onte xa a realizar as probas PCR e, entre hoxe e mañá, está sendo citada a un cribado masivo toda a veciñanza de entre 35 e 44 anos. En total unhas 3.500 persoas van ser chamadas a realizar as probas para detectar focos de contaxio e frear a expansión do virus.
O Concello de Boiro fai un chamamento a toda a veciñanza a que siga
estritamente as medidas de seguridade, que non entre e saia do municipio a
nos ser que sexa por causas necesarias e debidamente xustificadas e que
cumpra coas demais medidas de seguridade e hixiene como son o uso de
máscara, mantemento da distancia interpersoal e as agrupacións máximas de 4 persoas.