Ribeira mostra nun manifesto colectivo a súa repulsa contra a violencia de xénero

25 Novembro 2020

A praza do Concello de Ribeira centralizou este mércores os actos locais en contra da violencia de xénero, encadrados na celebración do 25-N. O punto culminante da cita, na que participaron o alcalde Manuel Ruíz e os voceiros e representantes dos distintos grupos da Corporación e doutras entidades do ámbito municipal, foi a lectura dun manifesto institucional que serviu para condenar a devandita lacra social e para fortalecer o obxectivo común, dende as máis diversas frontes ideolóxicas, para pórlle fin.

No manifesto fíxose un chamamento común e integrador a combater o aumento dos niveis de violencia doméstica, sexual e de xénero motivado polas medidas restritivas e de confinamento e reivindicouse, tamén, “o determinante papel transformador dos Gobernos locais durante e despois da crise da COVID-19 á hora de construír economías e sociedades máis igualitarias, inclusivas e sustentábeis”.

Previamente á lectura, dende as 10.00 horas a praza do Concello deu cabida a un obradoiro con perspectiva de xénero denominado Fagámolas visibles, baixo a organización do Centro de Información á Muller do Concello.

A continuación, reproducimos o texto íntegro do manifesto:

“O Concello de Ribeira fai propia a Declaración institucional que fai a FEMP(Federación española de municipios e provincias) con motivo do día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.

Así, con ocasión da dita conmemoración, este ano 25 de novembro de 2020, o Concello de Ribeira reitera o seu compromiso coa loita contra a violencia que se exerce sobre as mulleres, polo mero feito de selo e contra as súas fillas e fillos, e alerta sobre os riscos que asexan as políticas de igualdade.

De forma global, estamos vivindo un momento histórico no que os esforzos para frear a propagación da COVID-19 obrigan a medidas de confinamento que puxeron e continúan poñendo en perigo as mulleres e as súas fillas e fillos, e aumentan o poder e control daqueles que converten os fogares en lugares inseguros.

É urxente combinar as medidas que buscan ralentizar a propagación do virus e a capacidade de resposta dos sistemas de saúde coa erradicación das condutas quer reproducen e perpetúan a desigualdade e coa protección de quen sofren as consecuencias.

A pandemia que asola mundialmente a unha poboación asustada e inmersa na incerteza está afondando a brecha de xénero tanto no uso dos recursos públicos como no acceso ao emprego, ampliando as dificultades de equilibrio entre a vida persoal, profesional e familiar e dificultando a independencia económica das mulleres.

A crise sanitaria puxo de manifesto a vulnerabilidade do noso sistema sanitario e de protección social xerando un freo ás políticas transformadoras impulsadas durante a última década e poñendo en risco os avances alcanzados en materia de igualdade.

Un risco que pode obstaculizar ou facer retroceder os dereitos de igualdade acadados no noso país e repercutir negativamente os seus efectos sobre as políticas e avances de igualdade.

Este desafío, como xa recolle o documento de Medidas e Propostas Locais Extraordinarias elaboradas polas Comisións deTraballo da FEMP, pasa por acadar unha forte cooperación e asociación entre gobernos e organizacións da sociedade civil que garante que a igualdade de xénero e os dereitos das mulleres continúan na axenda política como factor esencial para facer fronte á crise do COVID-19, a curto prazo, e como elementos chave para favorecer a recuperación social, económica e sanitaria de todas as persoas a nivel global, a longo prazo.

É por isto, que a atención e a planificación que deben ofrecer os gobernos estatais, autonómicos e locais debe incorporar a perspectiva de xénero, e ser, ademais, unha resposta coordinada, directa e efectiva para todos, facendo un especial fincapé nas mulleres e as nenas.

Neste contexto, as administracións públicas e os seus gobernos deben garantir a continuidade na prestación de servizos e poñer en marcha solucións innovadoras que garanten unha resposta coordinada en integrada que protexa os dereitos humanos e a seguridade e recuperación das vítimas do machismo.

Para isto, os Gobernos locais reunidos na FEMP:

• Convidamos a todas as Entidades Locais a adherirse a esta Declaración e sumámonos a todas as voces que claman por un futuro en igualdade.

• Alertamos sobre o perigo das políticas de illamento e confinamento que supoñen un aumento dos niveis de violencia doméstica, sexual e de xénero, polo que requiren unha maior protección.

• Reivindicamos o determinante papel transformador dos Gobernos Locais durante e despois da crise do COVID-19 á hora de construír economías e sociedades máis igualitarias, inclusivas e sostibles.

• Recordamos que é necesario garantir que a igualdade de xénero e os dereitos das mulleres continúan na axenda política como factor esencial para facer fronte á crise da COVID-19, a curto prazo, e como elementos clave para favorecer a recuperación social, económica e sanitaria de todas as persoas a nivel global, a longo prazo.

• Defendemos a necesidade de promover accións globais consensuadas que garanten a continuidade das políticas dirixidas á eliminación das normas sociais discriminatorias e o reforzo dos programas de prevención e loita contra a violencia de xénero.

• Reclamamos unha resposta coordinada que integre a perspectiva de xénero como fío condutor do deseño das solucións que frean a crise económica e social orixinada pola COVID.

• Demandamos a posta en marcha de proxectos e programas locais que garantan a igualdade de xénero no emprego e o apoio ao espírito empresarial das mulleres, como medidas para preservar a súa independencia económica e previr a violencia de xénero.

• Manifestamos a nosa preocupación polas altas taxas de emprego temporal das mulleres que, unido á destrución e a caída do emprego advirten dun perigoso aumento da brecha de xénero.

• Denunciamos a carga que supón para as mulleres as situacións de “confinamento selectivo” no ámbito escolar e respecto a persoas dependentes e as consecuencias que pode ter para o desenvolvemento óptimo da súa carreira profesional xerando novas formas de violencia social cara a elas baseadas na reprodución de roles sexistas.

• Ratificamos o noso compromiso co Pacto de Estado contra a violencia de xénero e recordamos a necesidade de continuar avanzando no seu desenvolvemento.

• Esiximos a transferencia dos fondos asignados para o exercicio 2020 como medio para garantir a continuidade da senda de traballo iniciada”.

Outros artigos

Ribeira reforza a limpeza e o mantemento dos contedores de lixo

Dende a Concellería de Servizos Municipais de Ribeira informan á veciñanza que se están a levar a cabo os labores de reposición dos contedores de lixo que se atopaban en mal estado, moitos dos cales, segundo explicou o dito departamento do Concello, "xa superan a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Intervención e regulación” – José Manuel Pena

“Intervención e regulación” – José Manuel Pena

Hai que ser realista e non queda outra, ben a intervención e a regulación para poder garantir o dereito real a unha vivenda digna. As axudas do ICO ou o bono ao alugueiro non solucionan o problema da vivenda en España. Hai que intervir, como se fixo, no seu momento,...

“Muerte gestacional, perinatal y neonatal”. Inma Medina López

“Muerte gestacional, perinatal y neonatal”. Inma Medina López

Hoy 15 de octubre, se celebra el Día Mundial de Concienciación sobre la Muerte Gestacional, Perinatal y Neonatal. El concepto de muerte gestacional abarca todas laspérdidas de hijos/as producidas durante el embarazo, y el concepto perinatal y neonatalaquellas...