
O Grupo Municipal Partido Barbanza Independente (PBBI), a través do seu portavoz Vicente Mariño de Bricio, presenta ao pleno da Corporación unha moción relativa aos accesos ao Colexio Sagrado Corazón de Xesús e a igrexa parroquial de Castiñeiras, xunto con toda a súa contorna (a rúa da Igrexa, a rúa Alto do Rial, a rúa Rial, etc). En opinión do grupo, toda esta área da parroquia de Castiñeiras presenta “bastantes problemas no que a comunicacións viarias se refire”. Amais, din, son precisas prazas de estacionamento, espazos públicos e unha área acondicionada para as festas patronais, amais de accesos á rúa Camiño da Auga e a Fonterramil, e, tamén, aparcadoiros para que no verán veciños e visitantes poidan ir ás praias de Castiñeiras.
O Partido Barbanza Independente (PBBI) fai saber que ten coñecemento da existencia nesa zona dunha parcela privada cunha superficie de aproximadamente 2.000 metros cadrados que “podería servir para pór remedio a esa situación”. Por iso, engade, “consideramos que deberían iniciarse negociacións cos propietarios ou a inmobiliaria para a súa compra”. Trataríase, explica o grupo, dunha actuación que sería “moi ben recibida pola veciñanza, non en balde trátase dunha iniciativa que o PBBI xa deu a coñecer no mitin celebrado na parroquia de Castiñeiras no transcurso da pasada campaña electoral e que tivo unha gran aceptación”.
Segundo explica o PBBI, a operación permitiría dotar a toda esta contorna “duns mellores e máis axeitados accesos viarios, así como crear un espazo de aparcadoiro, debido ás carencias existentes nese aspecto, sobre todo nas horas punta de entrada e saída do referido centro educativo, e tamén durante a época estival debido á gran afluencia á praia situada nas proximidades”. A superficie, amais, podería ser empregada para acoller a celebración de festas e outros eventos populares.
En virtude de todo isto, a agrupación pide ao Concello de Ribeira que inicie as “conversas e negociacións oportunas cos propietarios da leira situada na contorna do Colexio Sagrado Corazón de Xesús e a igrexa parroquial de Castiñeiras ou a axencia inmobiliaria correspondente para que no prazo máis breve posible póidase chegar a un acordo para a súa adquisición, pasando a formar parte do patrimonio e inventario municipal e darlle a ese espazo o destino mencionado”.