O BNG votará pola dorna e entroido como festivos locais de Ribeira

17 Outubro 2020

O BNG ribeirense acaba de rexistrar unha emenda para manter os festivos locais do ano 2021 no martes de Entroido e no 24 de xullo como Día da Festa da Dorna. A proposta dos nacionalistas pretende emendar a que, unilaterlamente e sen consenso, o goberno local pretende aprobar no vindeiro pleno municipal do 26 de outubro. Coa presentación desta iniciativa, pretenden fomentar todas a festas por igual, evitando calquera tipo de discriminación e garantindo o interese xeral da veciñanza. Así pois, no BNG optan por darlle o festivo local ás dúas primeiras e potenciar a programación de actividades lúdicas para todas as idades no caso doutras festas como as da patroa, a virxe do Carme ou as festas que se celebran nas parroquias do municipio. 

Segundo explicou o concelleiro, Luís Pérez Barral, “no Bloque temos claro que os actos relixiosos do día da patroa ou da Virxe do Carme deben ser realizados cando a Igrexa o estime oportuno, pois como respresentantes públicos cremos que debe existir unha separación entre o as administracións públicas e a relixión”. A formación nacionalista argumenta que no exercicio das súas responsabilidades, deben respectar os sentimentos relixiosos mais tamén é preciso mirar polo interese xeral da poboación e dos sectores comerciais que tan mal o están a pasar por mor da pandemia provocada pola Covid-19.

A emenda presentada polo BNG pretende manter o histórico martes de entroido que se viña declarando festivo local desde 1985 e que, xa no ano 2018 fora tumbado por PP e PSOE provocando din, o malestar social de moita veciñanza e do sector hostaleiro, e tamén darlle cumprimento ao acordo plenario aprobado en 2015 que agora o Partido Popular quere incumprir de maneira unilateral. Segundo explicou Pérez Barral en 2015 aprobouse, a instancias do BNG, “que o Concello de Ribeira declarese, a partir de 2016 e de xeito permanente, agás cando coincida en domingo, o 24 de xullo, Día da Festa da Dorna, festivo local”. Para o edil nacionalista, a proposta presentada este ano polo señor Ruiz racha os consensos acadados e ataca un dos símbolos de Ribeira como é a Festa da Dorna, que coloca o municipio no mapa dos festexos de interese turístico, e supón o principal evento que atrae milleiros de visitantes anualmente garantindo uns bos ingresos para os negocios”.

No Bloque estiman axeitado seguir celebrándose tanto o martes de Entroido como o 24 de xullo por tradición e por ser festexos referenciais a nivel comarcal e galego. O martes de entroido supoñía uns ingresos económicos vitais para o comercio e hostelaría locais e tamén desde o punto de vista social é moi importante ao participar nela asociacións e centos de persoas coas murgas, disfraces, etc. mentres que, declarar a Festa da Dorna festivo local, permite que moita veciñanza do municipio poida descansar e gozar dos actos do día grande deste festexo.

Pérez Barral quixo concluír facendo un chamamento a todos os grupos da Corporación Municipal deixen a un lado os seus sentimentos relixiosos e opten por votar polo que esperta grandes consensos entre a veciñanza,”agardo que todos os grupos apoien a emenda para dar cumprimento a un acordo plenario e para garantir a mellor decisión desde o punto de vista económico e social”. 

Outros artigos

Vehículo envorcado na avenida de Ferrol, en Ribeira

O parque provincial de Boiro recibiu aviso na madrugada deste venres 7 de febreiro dun accidente por envorco na avenida de Ferrol, no concello de Ribeira. Ao chegar ao lugar, o vehículo xa fora retirado pero a consecuencia do sucedido unha mancha de líquido esvaradío...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...