“Da noite de defuntos”. Antón Luaces

31 Outubro 2020

Cando nen tan sequera se barallaban conceptos “célticos” para a celebración da Noite de Meigas, Bruxas ou noite de vésperas de Defuntos, nos anos 50 do século pasado Riveira celebraba ó seu xeito o que para os celtas era o Samaín ou Samhain e, para os habitantes do mundo occidental viña ser a festa de Halloween, denominación que agora se pretenden impoñer asimesmo en Galicia, tendo como temos unha longa tradición ás costas na que os zonchos ou as castañas cocidas marcan esa véspera de defuntos que, por certo, para os celtas non era senón a transición do verán -tempo de luz- ó inverno -tempo de sombras ou remate da tempada de colleitas-  ao que puxo fin a forza daquela imperante do cristianismo. 

Lembro nutridas procesións de rapaces e mozos que, na noite de defuntos, celebraban con moito aquel en lugares como Bandaurrío, O Pombal, Fondevila e o resto de rueiros da capitalidade municipal, entronizando unha cabaza de grande tamaño que, previamente valeirada, levaba no seu interior unha vela que alumaba os ollos, nariz e boca recurtados a navalla ou coitelo e que daban unha visión fantasmagórica desa procesión máis ben satánica que non cadraba para nada ás autoridades eclesiásticas. 
Nesa noite, ao igual que no día de Todos os Santos -o 2 de novembro- as familias achegábanse case que en procesión ó cimeterio municipal de Riveira, en Fafián,  para tributar homenaxe a cantos alí estaba soterrados. Era, pola noite, a máxima expresión da luz porque cada tumba tiña -amáis de flores- luciñas de “mariposas” (substituídas moito dempois por luces de batería ou pilas) que aboiaban en auga e aceite. Os familiares, arredor da sepultura, amáis de rezar relataban as mil e unha aventuras protagonizadas pola persoa á que se lembraba nese acto.
Unha xornada moi íntima de recordatorio que determinadas persoas maiores comezaban no cimeterio vello, a carón da casa de Suso “O Chopo”. Nese cimeterio aínda estaban soterrados os restos de moitos dos náufragos do terrible accidente do buque “Santa Isabel”, ocorrido como é ben sabido na illa de Sálvora. A eles depositaban algunhas flores ou, simplementes, bisbaban unha oración polo seu eterno descanso.
Hoxe, aquela Noite de Meiga ou de Véspera de Defuntos foi con verténdose, ao xeito anglosaxón, nunha festa que ten máis de comercial ca outra cousa e que, verdadeiramente, fai que perdamos a nosa identidade. Para min, nin Halloween nin Samaín, pero que cada quen celebre ó seu xeito que foi a celebración do remate da tempada de colleitas, unha festa agrícola que acaía ben nunha terra de pescadores como Riveira porque, quen máius quen menos, dispuña dunha hortas ou unha leira nas que non faltaban as patacas, as fabas, os repolos e, talvez, algunha cabaza para o porco. 

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión