Ángeles Claro: “JEALSA traballou dende sempre para minimizar o impacto da súa actividade sobre o medio”

A aposta da empresa boirense JEALSA polo uso de enerxías limpas e por políticas de respecto polo medio natural comezou, propiamente falando, no intre mesmo en que se puxo en marcha a conserveira. Así nolo conta a directora de Sustentabilidade e We Sea, Ángeles Claro, que nos debulla nesta entrevista os detalles dun dos grandes fitos recentes da compañía: ter acadado a neutralidade en emisións de CO2 grazas ao seu programa de Responsabilidade Social Corporativa, a iniciativa We Sea, e como parte do seu compromiso coa sustentabilidade enerxética.

Este fito da neutralidade en emisións pode parecer, nunha primeira ollada, cousa de pouco tempo, pero temos entendido que detrás deste logro hai anos de compromiso co medio ambiente e coa sustentabilidade enerxética. Canto tempo leva JEALSA traballando por conseguir este obxectivo de converterse en empresa que non deixe pegada negativa non medio natural?

-JEALSA leva traballando en favor da sustentabilidade practicamente desde os seus inicios. A primeira empresa dedicada ao que hoxe se coñece como “economía circular” inicia a súa actividade despois da creación de JEALSA, hai máis de 60 anos. Desde entón até a actualidade leváronse a cabo múltiples investimentos orientados a minimizar o impacto da actividade sobre o medio.

-Que obtén JEALSA deste traballo polo medio ambiente? Á sociedade en xeral énos máis ou menos doado entender que poida ser rendíbel para unha empresa investir en I+D ou en recursos humanos ou en formación, pero por que resulta tan importante para a conserveira este compromiso co ecolóxico e co sustentábel?

-A sustentabilidade, no sentido máis amplo do termo, forma parte do noso ADN. Desde sempre traballouse para minimizar o impacto da nosa actividade sobre o medio. Esta filosofía e este modo de ver o negocio levounos ao total aproveitamento da materia prima, a xerar enerxías renovables, a traballar con materias primas procedentes de zonas do océano ben xestionadas e onde os stocks non estean ameazados, a colaborar con organizacións que traballan en favor da sustentabilidade ambiental pero tamén das persoas, porque esta aposta polos recursos non prexudiciais e mantibles no tempo é moito máis que respecto ao medio ambiente, é tamén respecto ás persoas e á sociedade. Ningunha empresa debería basear a súa estratexia de crecemento a longo prazo sen ter en conta todos estes aspectos.

-Sabemos que un dos compromisos green máis firmes de JEALSA é o compromiso coa enerxía eólica. De que maneira se materializa este interese da empresa pola enerxía do vento? Con parques propios ou participados? Temos datos actualizados do volume de enerxía que obtén a conserveira a través destas fontes limpas?

-JEALSA conta con parques eólicos propios e participados tanto aquí en Galicia como en Chile. En 2019 xeráronse máis de 461 GWh, con esta enerxía poderiamos abastecer a 114.000 fogares.

O programa We Sea, como ten sinalado en repetidas ocasións JEALSA, é un programa amplo e de diferentes ramificacións. Déanos exemplos concretos de como se está a materializar….

-We Sea é o programa de responsabilidade social corporativa e nel englóbanse todas as accións levadas a cabo por JEALSA en favor da sustentabilidade.

En concreto, We Sea artéllase en 5 eixos de actuación: primeiro, compra e pesca responsable; segundo, políticas de calidade; terceiro, enerxías renovables e medio ambiente; cuarto, compromiso social; e quinto, economía circular. Cada un dos eixos ten unha folla de ruta propia orientada a alcanzar os obxectivos que lle aplican directamente que son:

1) Eixo de compra e pesca responsable, garantir que a materia prima procede de fontes sustentables e non ten a súa orixe en actividades de pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (pesca INDNR ou IUU, en inglés),

2) No bloque de calidade, garantir que toda a materia prima cumpre os máis altos estándares de calidade e seguridade alimentaria,

3) No apartado de enerxías renovables e medio ambiente, trátase traballar para minimizar o impacto da actividade sobre o medio ambiente á vez que se xeran enerxías limpas

4) No eixo do compromiso social, envorcamos esforzos en garantir un trato ético a todos os colaboradores, xa sexan das nosas empresas ou das empresas presentes ao longo da cadea de subministración, garantir que os centros de traballo sexan lugares seguros desde o punto de vista da prevención e o compromiso coa sociedade céntrase no apoio á nenez, persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión e fomento do deporte e hábitos de vida saudables.

5) O eixo de economía circular está centrado en obter o máximo aproveitamento e valorización de todos os materiais utilizados co obxectivo de alcanzar o cero residuo.

-Que máis iniciativas a prol da sustentabilidade nos depara JEALSA a curto, medio e longo prazo? Podemos seguir agardando outros logros como ou devandito da neutralidade en emisións?

-Ademais dos obxectivos directos de cada eixo de We Sea, hai proxectos que son transversais a todo o programa como é a redución da pegada hídrica, pegada plástica, mellora da eficiencia enerxética, etc… En todo isto estamos a traballar con obxectivos claros de mellora a medio e longo prazo.