JEALSA acada a neutralidade en emisións de CO2 ao abeiro do seu programa We Sea

A empresa boirense JEALSA quere ser líder en sustentabilidade enerxética amais de ser un referente estatal e mundial en actividade conserveira. Este martes a compañía con sede en Bodión anunciou un importante fito en materia de recursos: foi quen de acadar a neutralidade en emisións de CO2 grazas ao seu programa de Responsabilidade Social Corporativa, a iniciativa We Sea, e como parte do seu compromiso coa sustentabilidade enerxética.

Muíños de vento da compañía boirense

Nun ámbito máis específico, o dito logro débese en parte a unha aposta polos recursos limpos e alternativos que vén de antigo e que frutificou hai anos en diversas iniciativas, como a instalación de parques eólicos propios e participados. Estas instalacións lle permitiron a JEALSA, ao longo de 2019, xerar a enerxía eólica necesaria para compensar as emisións de CO2 producidas pola actividade industrial da compañía. “Estamos moi orgullosos por ter conseguido converternos nunha empresa neutra en emisións de CO2; para nós, autoabastecernos aproveitando os recursos naturais que se atopan á nosa disposición foi un obxectivo primordial na nosa loita contra o cambio climático”, afirmou Ángeles Claro, directora do programa We Sea e de sustentabilidade de JEALSA, engadindo que “todos estes esforzos permitíronnos xerar anualmente a electricidade equivalente ao consumo anual de 114.000 fogares utilizando unicamente fontes de enerxías limpas e ilimitadas, como o vento neste caso”.

Todo isto tradúcese no feito de que JEALSA foi quen de acadar, no último ano, unha xeración eólica de máis de 461 GWh, dos cales unha parte destináronse a compensar o consumo de enerxía eléctrica das súas fábricas. A enerxía limpa restante supuxo un aforro en emisións á atmosfera de 424.157 toneladas de CO2, o que equivale ao consumo anual de máis de 143.000 coches novos supondo que percorren 25.000 km anuais.