Os centros da área sanitaria de Santiago e Barbanza, así como todos os hospitais e as residencias sociosanitarias da zona, son dende hoxe e ata o día 31 de decembro, puntos de vacinación para os usuarios.
A subdirectora de enferrmaría e coordinadora da campaña de vacina da gripe da área, Monserrat Souto, recorda que este “ano adquire maior importancia vacinarse fronte a gripe pola convivencia coa pandemia pola covid”. Subliña que “temos que diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas da gripe e minimizar o efecto na saúde mediante a súa prevención” e lembra “que se debe concertar cita para a vacinación nos centros de saúde e non acudir directamente sen ser citado”.
A área sanitaria chama a vacinar a preto de 140.000 cidadáns de 60 ou máis anos que ten na súa área, amais doutros pacientes de risco doutras franxas de idade.
Con respecto aos obxectivos específicos, preténdese unha cobertura do 75% na poboación de 65 ou máis anos e nos traballadores sanitarios.
Cómpre recordar que o ano pasado foron diagnosticados de gripe na área compostelá, un total de 4.714 pacientes e houbo que lamentar 14 falecementos.
Poboación diana
A poboación diana da campaña á que se lle oferta a vacina son as persoas de 60 ou máis anos, especialmente os de 65 ou máis ou as que convivan en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención e crónicos).
Tamén son poboación diana da campaña as persoas de menos de 60 anos que teñen un risco de complicacións derivadas da gripe (como pacientes con patoloxías crónicas) presentado esta campaña como novidade as mulleres durante o puerperio (ata 6 meses tras o parto), sempre que non se vacinaran no embarazo.
Son igualmente poboación diana as persoas que lles poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións. Trátase de persoal de centros sanitarios de primaria e hospitalaria, públicos e privados, de oficinas de farmacia, de institucións xeriátricas e de atención a enfermos crónicos, estudantes en prácticas en centros sanitarios, asistentes domiciliarios de pacientes de alto risco ou persoas maiores, así como convivintes de persoas de grupos de risco.
Outras persoas nas que se recomenda a vacinación son as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade e os traballadores expostos directamente a animais nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas e tamén ás aves silvestres.
Remarcar que, por primeira vez, Galicia empregará nesta campaña unha vacina tetravalente de alta carga para as persoas máis vulnerables, aquelas de 65 ou máis anos ingresadas en residencias.
Sinalar, así mesmo, que entre a loxística da campaña está o feito de que a partir da terceira semana da campaña realizarase unha chamada por parte dos profesionais de enfermería de atención primaria á poboación de 65 a 74 anos. Ademais, enviaranse SMS masivos de recordo de vacinación á poboación entre 65 e 74 anos, estableceranse axendas de citación especial para vacinación e vacinaranse aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio.