
Rianxo vai ser en outono un referente teatral. Logo da representación esta finde de Medida x Medida (coas entradas esgotadas) de Excéntricas, chega O meu mundo non é deste reino (o día 3) e, previamente, o día 2, o espectáculo Crónicas dunha heterosexual insatisfeita, a cargo de Verdeveras Expresións Artísticas.
Será o primeiro venres de outubro ás 21.00 horas na Sala Arcos Moldes do Auditorio. Trátase dunha obra para público adulto que forma parte do programa Cultura no Camiño + da Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. A entrada será de balde previa reserva en auditorio@concelloderianxo.gal (preferente) ou no teléfono 664 183 217, do 24 ao 30 de setembro de 9.00 a 13.30 h.
Segundo informa o Concello a respecto desta estrea en Rianxo, Crónica dunha heterosexual insatisfeita é un convite directo a reflexionar sobre as normas preestablecidas que facemos propias en materia de sexo e relacións sen pensar se hai unha opción diferente que teña máis que ver con nós mesmas. Aborda temas como a sexualidade, a parella, os soños e as frustracións, os desexos e as fantasías dunha muller que se anima a probar algo diferente, a “ser” da maneira máis completa e diversa posíbel reivindicando o seu dereito ao pracer.