Subiamos, xa noite, ao cimeterio de Fafián, en Ribeira. Era noite de defuntos. Á altura do vello cemiterio – preto de casa de meu amigo Suso “O Chopo”- máis dunha ducia de persoas, homes e mulleres, suxeitos uns á porta de ferro enreixada deste camposanto sen uso e outros simplemente ollando cara ao interior, rezaban.
Senón todos, o certo é que maiormente os presentes portaban flores, velas e algún retrato. Preguntei a un dos amigos que era o que levaba a aquela xente a aquel lugar e Xerardo -que así se chamaba outro meu amigo- falando baixiño, coma se estivera nunha jgrexa, clarexou a cuestión: “é un cimeterio en desuso, pero no que están soterrados varios náufragos do mercante “Santa Isabel” afundido na illa de Sálvora”.
Unha das mulleres presentes laióuse: “É unha pena que estea pechado. Nesta noite de defuntos ben lles podiamos poñer unhas flores aos finados nesa traxedia”.
Desde o vello ao novo cemiterio de Ribeira a rúa era escura, mal iluminada, acotío pouco transitada. Mais esa noite estaba chea de camiñantes que ían ou viñan do camposanto novo.
Xerardo, non sei se por nos poñer medo, preguntou: “E se nos aparecese por aquí o orco?”.
A pregunta non obtivo resposta. Quen máis, quen menos, apurou o paso de volta a casa. Xa nesta preguntei a meu pai quen era un orco. Resposta: “un oso”.
Comenteino ao seguinte día con Santos, outro amigo, que me falou dun oso mariño que, cando viña a terra, mataba aos mariñeiros.
Seu pai, que era patrón e armador, ao nos escoitar engadiu: “Chámanlle orco ou urco e ás veces podemos velo no mar. A última vez foi perto de Sagres, a illa na que se xunta cos cans negros que o acompañan. Para min que é un can moi grande, do tamaño certamente dun oso. Estou vivo despois de velo. Mete medo”.
Moito tempo despois o urco ou orco fáise presente. Desta vez, na mitoloxía galega: semella un can de grande tamaño. Enorme. Coma un boi. Adoita sair do mar disque arrastrando cadeas. E cando aparece – Isidro, o patrón, non o dixera- sempre provoca unha mala nova. Berra coma unha fera, e cando o fai, ao igual que cando se lle ve, nunca hai unha boa cousa que agardar: é morte segura.
É o Can do Mar. Tamén o Can da Morte, para os mariñeiros. Pero Isidro estaba vivo daquela. Sae ouveando do mar durante a noite e ten cór negra, como me dixo Marcial. Pero Tucho dicía que era branco. Para uns ten orellas; para outros cornos. Á vista é un can xigante de orellas longas e ollos acesos, que arrastra após del mandas de cans vagamundos. Sae do mar en noite de lúa chea a partir do Borròn, onde os mariñeiros non poden ver ondas máis altas e fortes no máis duro do Atlántico. O seu é sinalar quen vai morrer. É un agoiro. Vivo?.


