O vindeiro 26 de setembro, a Casa da Cultura de Porto do Son acollerá a representación de Bernarda (Vilalba 1975), espectáculo baseado no texto orixinal de Jose Prieto, que tamén é director da adaptación teatral. Será ás 20.30 horas e virá da man da compañía Malasombra Producións. O elenco estará integrado por Celia González, Luisa Merelas e Esther Aja.
Bernarda, cualificada pola compañía como “un drama con humor para público adulto” é unha obra de 75 minutos que relata a vida das dúas fillas xemelgas dunha muller chamada Bernarda, que fica viúva o mesmo día en que morre o ditador Franco. Bernarda, ante este panorama de dupla desgraza, decreta o estado de loito. Así, durante dous anos non poden ver a televisión, nin escoitar a radio, nin ler revistas. Durante dous anos só poden saír da casa para ir á misa, á tenda ou ó cemiterio. Porén, fóra, a sociedade da transición está cambiando…
O Concello lembra aos asistentes que, unha vez máis, terán que respectar as estritas medidas de seguridade sanitaria (máscara, distanciamento).