O GALP Ría de Pontevedra promove o proxecto de cooperación Mar das Illas en colaboración cos GALP Ría de Arousa e Ría de Vigo – A Guarda, o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra e a Asociación Mar Seguro de Galicia. Esta iniciativa ten o obxectivo de impulsar a diversificación pesqueira e marisqueira ao través do Turismo Mariñeiro no ámbito de influencia do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
A comisión de seguimento e dirección seleccionou seis proxectos atendendo a criterios de calidade e diversidade (tipoloxías de proxecto) para testar nun piloto. Os proxectos elixidos foron os seguintes:
· GALP Ría de Pontevedra
1.-Sanxenxo: Proxecto de Pesca-Turismo. Barco. Praia de Sanxenxo. Impulsado por Suaro Martínez Durán.
2.- Bueu. Proxecto de Turismo Mariñeiro en Portos e Instalacións Portuarias. Impulsado por José Manuel Agulla Piñeiro e Reveca Gago de Bueu.
· GALP Ría de Vigo – A Guarda
3.- Cangas. Proxecto de Pesca-Turismo. Barco. Impulsado por Francisco Javier Costa García.
4.- Redondela: Proxecto de Turismo Mariñeiro de marisqueo a pé. Impulsado por Severino Casal Diz.
· GALP Ría de Arousa
5.- Vilanova de Arousa. Proxecto de Pesca-Turismo nun barco de batea. Barco: Mar-Pra. Impulsado por Eduardo Martínez Romero.
6.- Pobra do Caramiñal. Proxecto de Turismo mariñeiro. Marisqueo a pé. Impulsado por Rosa María Millán Romero.
Segundo informa o grupo GALP Ría de Pontevedra, todas as ditas contribucións xa lanzaron a mostra piloto das súas propostas “con moi boa acollida” e, de feito, as iniciativas de Severino Casal e Rosa María Millán (A Pobra), ambas as dúas de turismo mariñeiro de marisqueo a pé, están abertas ao público e funcionando a pleno rendemento, tal e como reflectiu este mesmo medio, O Barbanza, este mesmo verán.
As experiencias de pesca turismo a bordo dunha embarcación pesqueira son as primeiras que se comercializan en Galicia converténdose “nun produto innovador e pioneiro na Comunidade, amparado pola normativa vixente”, informaron os responsábeis da iniciativa Mar das Illas, destacando que todas propostas teñen en común “poñer en valor o labor dos traballadores e traballadoras do mar, promover o coidado dos recursos, valorizar os produtos da pesca e do marisqueo e situar ao sector como unha saída laboral de futuro para a xente moza”.
Orixe: os cursos de formación
Nas pasadas edicións de Mar das Illas formáronse preto de 120 profesionais do sector como guías acreditados de Turismo Mariñeiro no ámbito do PNMTIAG (Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia) grazas aos cursos de Iniciación ao Turismo Mariñeiro e de Pesca e Turismo Sustentábel no ámbito do PNMTIAG. Para participar na fase de titoría foi requisito que polo menos un dos integrantes do proxecto estivese en posesión do diploma acreditativo. Foi nestes obradoiros onde as seis iniciativas atoparon “o pulo necesario para saír adiante”, informou o GALP da Ría da Pontevedra. Así no caso do proxecto de Severino Casal, foi onde coñeceu eu ás compañeiras coas que darlle vida a Amarturmar, asociación que actualmente compoñen 12 persoas, na súa maioría mulleres: “Tiña ganas de ensinar a miña profesión porque parece que non lle damos valor. Cando vivín en Madrid decateime de que a xente valora Galicia, a súa comida, o seu peixe; eu antes de ir para Madrid xa era mariñeiro e volvino ser aquí”, explica Casal. Agora as demais promotoras deste proxecto nado nos primeiros meses do 2019 completarán estes obradoiros que lles serven, segundo Casal, para levar á “práctica no traballo e na miña Ría de Vigo”.
Nos cursos tamén xuntaron forzas Rosa María Millán e outras seis integrantes da Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal, constituíndo a Asociación Mar da Pobra hai pouco máis dun ano. De feito, desde hai tres anos desenvolvían actividades deste tipo da man do Concello pobrense.
Pola súa banda, Sauro Martínez, patrón maior da Confraría de Pescadores de Sanxenxo, comenta que todo comezou grazas aos cursos. Nesta formación atopou ferramentas e pautas que lle permitiron, xunto a súa tripulación, enfocar axeitadamente un proxecto co que pretende visualizar a pesca artesanal. “Unha vez que o GALP o puxo andar, todo foi máis fácil”, explica.
Esa mesma achega de asesoramento foi o que animou a Eduardo Martínez a madurar a idea dunha iniciativa de divulgación sobre o proceso de cultivo do mexillón e “ver se a podía facer realidade”, tamén arroupado pola tripulación. “Os cursos axudáronme a explicar á xente as cousas un pouquiño mellor, sen dar por feito cousas que para nós, os mariñeiros, son esenciais. Un conta coa súa intención pero non está preparado para isto”, engade.
Os obradoiros tamén permitiron a José Manuel Agulla e a súa compañeira, Reveca Gago, certificar o potencial que ten Bueu e poñer en marcha a súa proposta: “Coincidiu que a parte práctica do curso fixémola aquí e mirouse que tiña potencial”, conta Agulla.
Pola súa banda, Francisco Javier Costa coñeceu os cursos pola Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas da cal é patrón maior: “Fixemos varios cursos dese tema, con varios niveis, ata sacar o título”. O seu obxectivo era darlle forma a un proxecto de pesca turismo de pesca sustentábel con palangre que deseñou xunto a súa muller e o seu fillo.