A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra
Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un grupo doutras seis persoas.
O suceso tivo lugar pasadas as 16:00 horas nunha pista forestal ao seu paso polo lugar de San Martiño, na parroquia de Brens, nun treito caracterizado por un forte desnivel. Tras a caída, un dos compañeiros da ruta contactou co 112 Galicia para solicitar asistencia urxente ante a extrema gravidade na que se atopaba o ferido. Desde a central de emerxencias coordinaron a atención en tempo real a través do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que indicou as primeiras pautas mentres se mobilizaban os recursos.
Até o punto desprazouse o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, cuxos profesionais sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida ao ciclista. A complexidade do terreo, accesible unicamente con vehículos todoterreo, requiriu a intervención dos Bombeiros de Cee para facilitar o traslado dos equipos médicos até a vítima. No dispositivo de emerxencias tamén participaron axentes da Garda Civil e membros do servizo local de Protección Civil.




