A fin de semana comezará cunha progresiva retirada do anticiclón, aínda que a xornada do sábado manterá un tempo maioritariamente apracible en Santiago de Compostela e nas Rías Baixas. A perda da influencia das altas presións notarase de xeito gradual, sen ameaza de precipitacións nestas comarcas.
Tras as posibles néboas matinais típicas das zonas do interior ao comezo do día, o ceo irá despexando para dar paso a intervalos de nubes medias e altas que cubrirán lixeiramente a franxa central e atlántica de Galicia a medida que avancen as horas. A diferenza do terzo noroeste da comunidade, onde pola noite podería caer algún chuvasco illado, a estabilidade predominará tanto na comarca compostelá como na costa pontevedresa.
No referente aos termómetros, as mínimas continuarán con escasas variacións, mentres que as máximas experimentarán un lixeiro ascenso na fachada atlántica, deixando un ambiente suave e agradable (máximas de 28 graos). O vento soprará frouxo de compoñente nordés no interior e ao longo do litoral sur, sen acadar a intensidade que se agarda na costa norte galega.

O noso mar; Vento do nordés á mañá e do noroeste á tarde e á noite, forza 2 a 3 á mañá e á tarde e 1 a 3 á noite. Mar ovellado á mañá e á tarde e mar rizado á noite. Visibilidade boa. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 1.5 a 2.5 metros á mañá e 1 a 2 metros á tarde e á noite.



