As fondas pegadas da salgadura no Son, ao detalle nun libro de Santiago Llovo

Onte presentouse en Porto do Son, na Casa da Cultura, unha completa investigación histórica sobre as pegadas deixadas pola industria da salgadura de peixe no concello, sobre os seus principais emprazamentos e fomentadores (cataláns aínda que tamén vascos e galegos), e tamén sobre as veciñas e veciños que traballaron no sector e as grandes consecuencias sociais, económicas e mesmo culturais que esta actividade tivo para a contorna. Estamos a falar do libro A salga no Son, do escritor e historiador Santiago Llovo Taboada, achegado ás librarías por Andavira Editora.

A cita, a primeira das dúas previstas no concello, comezou ás 18.00 horas e contou coa presenza do autor e máis da conselleira do Mar, Rosa Quintana, o alcalde Luis Oujo e máis Lucila Ventoso, editora de Andavira. O Concello, para quen queira achegarse visualmente á presentación, publicou no seu Facebook unha manchea de imaxes sobre a mesma. No transcurso do acto, Llovo fixo saber que a publicación que agora presenta é unha guía das plantas de salgado que houbo no concello, un total de 45 inventariadas, das cales boa parte estaban situadas no casco urbano do Son, máis de dúas ducias delas.

A seguinte cita será este 20 de agosto en Portosín, ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Portosín.