Dodro pide á Xunta fondos para xestionar o aumento de carga do servizo de limpeza dos colexios

O Concello de Dodro aprobou unha proposta do goberno municipal, na que se insta a Xunta de Galicia a transferir fondos ós concellos para xestionar o aumento de carga do servizo de limpeza NOS CENTROS DE ENSINO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA . Na mesma proposta tamén se lle reclama a Xunta que os fondos que se transfiran as CCAA por parte do Estado para Educación sexan negociados cos sectores implicados, as centrais sindicais de ensino, as administracións locais e as AMPAs , sendo o alumnado a base e o centro do sistema educativo.

Na mesma proposta tamén o goberno municipal mostra o seu apoio as xustas demandas dos sindicatos e as AMPAs de ser co participes na elaboración de protocolos e medidas contra o COVID-19, xa que son estes os que se van a enfrontar en primeira liña.

Esta proposta ven a raíz tamén do malestar das centrais de ensino e das AMPAs de ser excluídas na confección de normas e procedementos tan importantes.

O protocolo obriga os concellos, e polo tanto o de Dodro a case triplicar as labores de limpeza nos centros educativos, sen aumentar por parte da Xunta fondos para esta tarefa. Nese sentido se veu pronunciando a FEGAMP nas últimas semanas, que pon de manifesto que sen aumento de partidas para a limpeza e desinfección dos centros, os concellos non teñen recursos para incrementar este servizo.

O concello de Dodro colaborará cos recursos dispoñibles para que a volta as clases sexan o máis seguras posibles, pero recalca que quen ten as competencias exclusivas en educación é a Xunta de Galicia, e non pode deixar recaer esa responsabilidade na dirección dos centros e dos concellos.