O Ministerio de Sanidade actualizou o balance de contaxiados e falecidos por coronavirus en España ao 18 de maio:
- 27.709 mortos. A véspera contabanse 27.650. Son 59 máis (16 en Madrid e 12 en Cataluña).
- 231.606 confirmados por PCR. Ata o domingo eran 231.350. Son 285 máis.
- As mortes en Galicia con coronavirus eleváronse a 607 tras falecer nas últimas horas un home de 88 anos que permanecía ingresado no Hospital A Rosaleda, en Santiago de Compostela. Segundo informan fontes sanitarias, tiña patoloxías previas. Tras esta última vítima notificada, o número de mortes rexistradas en atención hospitalaria sobe a 475: 126 na área sanitaria da Coruña, 101 na área de Ourense, 91 na área de Vigo, 85 na área de Santiago, 30 na área de Ferrol, 26 na de Lugo (dúas deles en atención domiciliaria), e 16 en hospitais da área de Pontevedra. A estas defuncións hai que sumar as 132 rexistradas ata o de agora dentro das residencias de maiores, aínda que este domingo e por décimo día consecutivo, non se comunicaron falecementos de persoas con COVID-19 nas residencias. En todo caso, hai que ter en conta que, dos falecidos en atención hospitalaria, hai 138 persoas que estaban vinculadas con centros residenciais (e que morreron en hospitais ou en residencias integradas). A ese respecto, os falecidos relacionados con residencias son 270, o que supón en torno ao 45% do total de vítimas mortais do coronavirus en Galicia.