A compañía de luz e gas Naturgy aprazará o pago das facturas de electricidade, gas e servizos de todos os seus clientes domésticos que se emitan a partir de agora. O obxectivo é mitigar o efecto do virus na economía familiar ante o incremento do consumo doméstico, derivado do confinamento da poboación ordenado polo Goberno para tratar de frear a curva de contagios desta pandemia. A compañía estende o alcance desa iniciativa a todos os seus clientes domésticos con tarifas liberalizadas, tras poñela en marcha inicialmente para pemes e autónomos, medida que lles está axudando a paliar o impacto nos seus ingresos do parón económico e contar con maior liquidez durante os próximos meses.
A compañía tamén ampliou o período de carencia destas facturas ata 6 meses ao estender o prazo de pago das facturas devindicadas ata xuño de 2020 e pasalas á cobranza para partir do mes de outubro de 2020, facturándoas a continuación en 12 pagos iguais durante os seguintes meses. En concreto, as facturas dos consumidores domésticos, pemes, micropemes, autónomos ou pequenos negocios, que se acollan a este plan de axuda lanzado pola compañía, poderán ser abonadas ata setembro de 2021. Naturgy farase cargo do custo destas facturas durante estes meses, financiando aos seus clientes sen intereses, e permitindo así flexibilidade o pago da enerxía. Máis de 327.000 clientes domésticos galegos de Naturgy poden acollerse a esta alternativa que ofrece a compañía, do mesmo xeito que as 47.000 pemes e autónomos que ten o grupo en carteira nesta Comunidade Autónoma. En total, preto de 4 millóns de clientes particulares de Naturgy Iberia poderían beneficiarse de inmediato desta medida e máis de 250.000 pemes e autónomos. Para acceder a esta axuda os clientes interesados teñen que solicitar este aprazamento do pago das facturas a través da sección de “Area Clientes” da páxina web da compañía.
Asistencia médica gratuíta mediante videochamada
Naturgy facilita aos seus clientes atención médica gratuíta mediante videochamada durante estes meses, co obxectivo de que os cidadáns poidan facer consultas de saúde sen necesidade de saír de casa. Desta maneira, a compañía continúa traballando no seu compromiso de axudar a conter a propagación do Coronavirus e en liña coa iniciativa impulsada desde o Ministerio de Sanidade ‘Eu quédome na casa’. Para poder contar con esta asistencia, que está ao dispor de todos os clientes de Naturgy, os usuarios deberán rexistrarse na súa área privada na web da compañía. No caso de clientes non rexistrados, os clientes serán informados das instrucións de rexistro previo para o seu acceso ao servizo. As consultas poderán realizarse todos os días da semana, as 24 h, mediante chamada telefónica, páxina web ou aplicación online. Este servizo inclúe información médica de primeiras actuacións en casos de emerxencia, medicación e posología para pediatría e medicina xeral. En caso de emerxencia, avisarase ao servizo 112 para envío de ambulancia no territorio nacional.