Suma Ribeira fundamenta o seu voto contrario á xestión da EDAR nas eivas da infraestrutura

13 Xaneiro 2020

Suma Ribeira convocou para hoxe unha rolda de prensa na que se pronunciou sobre a súa decisión de votar en contra dos puntos levados ao pleno extraordinario do 30 de decembro en relación á EDAR, así como no que respecta ás declaracións do alcalde Manuel Ruiz. Primeiramente, Celia García manifestou que “non temos ningún tipo de responsabilidade na elección dese sistema de depuración”, xa que, tal e como lembrou, a formación foi recentemente creada e entrou na corporación municipal despois das eleccións celebradas en maio do 2019, pero tamén quixo deixar claro que ese non sería o sistema polo que avogarían. Neste senso, pronunciou que o actual modelo da EDAR é “unha consecuencia das maiorías absolutas para, sen consensuar con ninguén, levalo adiante.” Tamén indicou que non teñen coñecemento de que se presentase a auditoría encargada polo Concello e que, analizando os datos procedentes do informe da Xunta de Galicia, entenden que existen “moitos problemas e deficiencias.”

Pola súa parte, o voceiro da formación, Xurxo Ferrón, sinalou que o investimento na referida obra “non contemplaba, en ningún momento, o estudo de compatibilización desta infraestrutura co saneamento existente, entre as instalacións antigas e as novas, coas que vai haber interconexións e interactuacións que están causando problemas.” Deste xeito, fixo fincapé na existencia dunhas arquetas nas Carolinas nas que se producía un transvase de augas residuais procedentes do polígono industrial de Xarás ao saneamento de augas residuais urbanas; ademais de que o resumo da auditoría da Xunta, a cal cualificou como “auditoría amistosa, amigable”, non contempla nin vertidos industrias, nin invasión da auga do mar no sistema, nin avaliación de frecuencia, intensidades e características dos alivios, nomeadamente de Areeiros.

En relación á preparación da EDAR para a chuvia e residuos industrias, Ferrón apuntou que o colectivo ambiental Verdegaia lles facilitou un documento de Augas de Galicia, de maio do 2017, no que se puntualiza que “quedan fóra do expediente todas aquelas consideracións relativas ao saneamento do polígono de Xarás, que non se atopa conectado á EDAR, da que procede o vertido obxecto deste expediente administrativo, e que, polo tanto, non corresponde avaliar neste procedemento.” O voceiro de Suma Ribeira tamén asegurou que o novo sistema de saneamento non está previsto para o tratamento de residuos industriais ao non se conectar coa EDAR.

Así mesmo, criticou que o alcalde Manuel Ruiz “xoga cos tempos”, traducíndose en que “non facilita escenarios de acordos.” O mércores 15 terá lugar unha xunta de voceiros na que se abordará esta cuestión e a pesar de que Suma Ribeira mantén o seu posicionamento no que respecta á xestión da EDAR, están dispostos a analizar nova información que se lle poida presentar co obxectivo de decidir o seu voto “sen que o ton de voz do alcalde nin as súas rosmaduras inflúan nas nosas votacións.”

Outros artigos

Este domingo 12 celébrase a XII Carreira pola Diversidade de Ambar

Este domingo 12 de xullo, terá lugar a celebración da Carreira pola Diversidade dende as 10h na explanada de Coroso (Ribeira), tras o aprazamento da data inicial no mes de maio. A gran novidade desta edición é o enfoque cara a unha "experiencia transformadora". Ambar...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.