Manuel Ruiz proporá aos grupos revogar o acordo plenario no que respecta á xestión da EDAR

09 Xaneiro 2020

Ribeira celebrou o pasado 30 de decembro un pleno extraordinario onde foron denegados os puntos que figuraban na orde do día: o acordo entre Augas de Galicia e o Concello de Ribeira para a cesión da explotación da EDAR de Ribeira; así como o expediente de licitación mediante procedemento aberto, con multiplicidade de criterios, do contrato de servizos de operación e mantemento para os sistemas de saneamento en alta e depuración asociados á EDAR de Couso e á EDAR de Corrubedo. Unhas cuestións que non saíron adiante ao contar unicamente cos votos favorables do PP e os votos en contra do PBBI, PSdeG-PSOE e Suma Ribeira, absténdose BNG.

Este mediodía o alcalde Manuel Ruiz explicou que onte estivo citado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, trasladándoselle unhas noticias “que van incidir negativamente na economía dos ribeirenses e no que é unha boa xestión do servizo público”, engadindo que tamén suporá unha diferenciación tributaria á veciñanza segundo onde vivan. Isto confirma o que xa advertira Ruiz na citada sesión plenaria, pois o custe de depuración en mans da Administración autonómica sairá máis caro que se o xestionase directamente a local.

A consecuencia do rexeitamento do referido convenio, a Xunta asumirá a partir do 31 de xaneiro a xestión da EDAR, mentres que os colectores e tanques conducentes a esta estación serán entregados ao Concello. Segundo declarou o rexedor, esta disparidade supón consecuencias negativas a nivel técnico e económico. De feito, a Administración local está abocada agora a licitar a contratación da xestión da EDAR de Corrubedo, por unha banda, e a dos colectores da EDAR de Couso, por outra. Esta situación, sumada a que esta última depuradora recaia na Xunta, podería conducir a un escenario no que ata tres empresas diferentes corran coa xestión do saneamento, cos conseguintes problemas que isto pode carrexar.

No que respecta ás repercusións económicas, a partir do 1 de febreiro a Xunta comezará a cobrar o cen por cen do que lle supoña a prestación do servizo, ben vía canon (un consumidor podería chegar a pagar por este concepto ao redor de 50 euros ao trimestre en función dos tramos) ou ben repercutindo ese importe no Concello, que ao non contar cunha ordenanza fiscal que o regule se atoparía con serios atrancos á hora de afrontar este pago sen menoscabar a prestación doutros servizos municipais.

Unha primeira estimación apunta a que a factura da Xunta pola EDAR de Ribeira se podería elevar ata un 20% máis do que custaría no caso de que fose municipal, tendo en conta as baixas que se prevén de licitarse a xestión desde o Concello. A isto hai que sumar que Corrubedo, Artes e Olveira deberían afrontar tamén o pago da súa EDAR e habería que asumir colectivamente os gastos dos colectores e tanques de tormenta, polo que a veciñanza das diversas parroquias estarían pagando facturas distintas por unha depuración similar e non o mesmo importe tal e como contemplaba a ordenanza fiscal proposta polo Executivo. Incluso se podería dar a circunstancia de pagar por unha infraestruturas das que non se é beneficiario, como pode ser o caso dun veciño de Corrubedo polos colectores de Couso.

Ademais, o feito de que distintas entidades corran con diferentes infraestruturas estaría impedindo economías de escala e encarecendo o servizo; mentres que se a xestión fose municipal, dos 24’30 euros ao trimestre de aumento inicialmente previstos, se podería rebaixar en función das ofertas recibidas durante a licitación en torno aos 6 euros ao mes.

Ante esta situación, o alcalde cualificou como “despropósito” a decisión tomada o 30 de decembro e insistiu en que “estas son as consecuencias da actitude irresponsable dos grupos no último pleno.” Para intentar buscar unha solución, reunirase con tódolos partidos políticos con representación na corporación. Neste senso, xa llo manifestou a BNG e PSdeG-PSOE, e abordará a posibilidade de revogar o acordo plenario para adoptar outro novo antes do 31 de xaneiro.

O mandatario local tamén recapitulou cal era a situación hai un par de anos en relación ao saneamento de Ribeira, mudando, tal e como precisou, grazas ao esforzo inversor da Xunta de Galicia e do Estado. En relación ás industrias, aprobouse unha ordenanza conforme se realiza a depuración no propio polígono, e, independente do doméstico, o residuo industrial pasa polo Touro e por un emisario que verte ao mar lonxe da costa. En canto ao saneamento domiciliario, hai unha depuradora en Corrubedo e outra en Couso, “que mellorou ao mil por mil o que había.”

Outros artigos

Incendio nunha vivenda na Conlleira, no concello de Ribeira

Os bombeiros do parque Comarcal Provincial de Ribeira foron alertados ao redor das 11:00 horas desta mañá dun incendio nunha vivenda na Conlleira, no concello de Ribeira. O lume orixinouse nun armario nunha das habitacións e o operativo consistiu na extinción das...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

Segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, España acadou no recente Consello de Ministros da UE bos resultados no Atlántico e Mediterráneo, de xeito que asegura a viabilidade dos 570 barcos que faenan no Mediterráneo e, no Atlántico, tamén "bos...

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...