Denegados os puntos levados a pleno sobre a EDAR de Ribeira

30 Decembro 2019
Pleno do Concello de Ribeira

Ribeira celebrou este mediodía un pleno extraordinario no que se abordaron conxuntamente os seguintes puntos da orde do día: o acordo entre Augas de Galicia e o Concello de Ribeira para a cesión da explotación da EDAR de Ribeira; así como o expediente de licitación mediante procedemento aberto, con multiplicidade de criterios, do contrato de servizos de operación e mantemento para os sistemas de saneamento en alta e depuración asociados á EDAR de Couso e á EDAR de Corrubedo.

O alcalde Manuel Ruiz explicou que na sesión do 23 de agosto se decidira que a explotación de todo o conxunto da EDAR se fixera a través de xestión municipal, polo que, a partir dese día, afirmou que se foron dando os pasos para avanzar na tramitación administrativa e o traspaso desa infraestrutura ao Concello. O rexedor manifestou que deberían cumprirse as condicións que se puxeron na referida sesión: que os estudos técnicos corroborasen que esa obra estaba realizada correctamente e que, posteriormente, se deran a coñecer eses informes á veciñanza. No que compete ao Concello, está aínda en fase de elaboración; mentres que o da Xunta xa está a disposición da cidadanía e grupos políticos. Un documento no que o goberno autonómico se compromete que, mediante a firma autorizada dos técnicos e representantes de Augas de Galicia, “estean solucionados todas e cada unha desas incidencias á data de entrega ao Concello.” Así mesmo, o mandatario local comunicou que esa infraestrutura, incluíndo colectores, ten un custe aproximado dun millón e medio de euros.

O voceiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón, manifestou que no conxunto da referida infraestrutura se presentan “unha serie de importantes deficiencias”, sostendo que algunhas podían ser reparables en tempo e forma antes da cesión, pero “outras quizais sexan menos doadas de solucionar desde o noso punto de vista.” Neste senso, expresou que non existen compromisos e prazos “claros para solucionalas.” Ferrón aproveitou a ocasión para facer un chamamento de atención e solicitude consistentes en que, de saír aprobado o acordo con Augas de Galicia, se procedese a realizar “as correccións oportunas para que a cesión para o mantemento e explotación de todo o sistema EDAR se faga só e exclusivamente unha vez comprobado, mediante auditoría externa, o seu correcto funcionamento, pero tamén a corrección de todas e cada unha das anomalías detectadas.” Engadiu que o custe para solucionalas “non debe ser nunca asumido polo Concello.”

Na súa intervención, o concelleiro do BNG, Luís Pérez Barral, subliñou que o sistema implantado a día de hoxe, “nunca tivo o apoio do BNG”, apuntando que o defendido por eles era “oposto” ao do PP. Deste xeito, precisou que o grupo municipal ao que pertence avogaba por pequenas depuradoras situadas nas vagadas naturais de Ribeira, traducíndose “nun modelo que implicaba un menor custe ao ter que reducir os bombeos por non ter que trasladar os residuos durante trece quilómetros e sete tanques de tormenta.” Tamén se referiu a que as augas residuais do polígono industrial de Xarás “non teñen unha depuración específica cunha depuradora propia.” Pérez Barral criticou que construír ese sistema “hoxe implica problemas no sistema de funcionamento e un tarifazo de máis de cen euros ao ano para a veciñanza.” Da mesma maneira, cualificou como “determinante” a emenda presentada polo Bloque no mes de agosto a este respecto para coñecer o estado da infraestrutura. Ao remate, enumerou as alegacións presentadas para reducir a suba da taxa de saneamento para a cidadanía.

Pola súa parte, o portavoz do PSdeG-PSOE, José Manuel Vilas, indicou que esta obra “está mal construída” aducindo a diversos aspectos e expuxo que no 2011 presentaron unha proposta para a elaboración de tres depuradoras ecolóxicas nas vagadas naturais do concello, argumentando que “a parte de ser un modelo máis eficiente, tamén sería máis económico e axeitado ás características orográficas do municipio.” Vilas resaltou que hai 125 defectos ou incidencias na EDAR, entre as que se atopan a corrosión de materiais, deterioro de instrumentos, cables soltos ou desgaste de maquinaria; 13 eivas nos tanques de Carolinas e Aguiño; 11 no de Cerqueiras; e 11 en Areeiros. Desta maneira, expresou que non comprende que “tiveron dous anos para reparar os defectos e agora nos din que nun mes vai estar todo reparado.” Para concluír, o grupo municipal socialista considerou “acertada” a creación dunha empresa municipal que xestione o servizo completo da auga.

Ante todo isto, o mandatario local insistiu en que, segundo os técnicos, “a mellor infraestrutura que existe hoxe en Galicia e a máis eficiente é a de Ribeira.” Manuel Ruiz tamén declarou que “xa está ben de que se lle empece a dicir á xente mentira tras mentira.”

A edil do PBBI, Herminia Pouso, sinalou que a formación non entendía a convocatoria do pleno extraordinario ao non estar executados os acordos de agosto e novembro. Pouso describiu a situación como “preocupante” ante as queixas da veciñanza. Tamén se dirixiu aos demais grupos da oposición para criticar que cos modelos que propoñían, consistentes na construción de varias depuradoras, “seguramente teriamos moitos máis problemas enriba da mesa neste pleno.” A continuación, apelou ao “sentidiño” para resolver os problemas da cidadanía coa infraestrutura. En canto, á sinatura do convenio, manifestou que “imos a firmar un cheque en branco aprobando ese convenio”, referíndose á existencia de eivas sen solucionar. En relación ao “tarifazo”, puntualizou que esa medida saíra adiante cos votos a favor do PP e que o PBBI votara en contra, mentres que PSdeG-PSOE, BNG e Suma Ribeira se abstiveran.

Manuel Ruiz salientou que todo o abordado quedaba condicionado ao acordo plenario e que os técnicos comunicarían a corrección de tódalas incidencias para o correcto funcionamento das instalacións que se recollen no informe. Do mesmo xeito, recalcou que “a miña responsabilidade foi informar aos ribeirenses e dicirlle o que era mellor.”

A concelleira do PP, María Sampedro, remarcou o compromiso do equipo de goberno adquirido o 23 de agosto, sostendo que non se recollería nada para a explotación da EDAR se non se contemplaba todo o exposto na referida sesión plenaria.

Finalmente, os dous puntos non saíron adiante ao contar unicamente cos votos favorables do PP e os votos en contra do PBBI, PSdeG-PSOE e Suma Ribeira, absténdose BNG.

Outros artigos

Falece unha ribeirense de 50 anos atopada no chan da súa casa

Unha muller de 50 anos, cuxa identidade responde as iniciais T.M.M., faleceu esta noite na súa casa da céntrica Rúa Méndez Núñez, de Ribeira. Segundo informa o Diario de Arousa , foi a súa parella a que ao redor das oito do serán chamou o 112 para comunicar que non...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...