A Deputación estuda a demanda de Boiro para a dotación de beirarrúas en Quinteiro

30 Xaneiro 2020

A Deputación da Coruña estuda a proposta do goberno municipal de Boiro de dotar de beirarrúas á estrada provincial DP-1106 Boiro-Cespón ao seu paso polos núcleos de Ferreiros e Quinteiro. Así o confirmou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a visita oficial que realizou esta mañá ao municipio boirense, na que estivo acompañado do alcalde José Ramón Romero, os membros do goberno municipal e os deputados provinciais responsables das áreas de Promoción Económica, Blas García, e Educación, Sandra González.

Durante a súa visita achegáronse ata a estrada DP-1106 ao seu paso polo núcleo de Quinteiro, unha zona de curvas que, segundo explicou o rexedor, “supón un perigo para os peóns nunha zona onde hai industrias que xeran moito tráfico e onde paran os buses escolares”, polo que o goberno municipal boirense propón a construción de sendas ou beirarrúas que habiliten un itinerario peonil seguro.

González Formoso lembrou que máis da metade dos 6’5 quilómetros da estrada, que conecta a avenida da Constitución coa estrada autonómica AC-305, xa contan con beirarrúas nalgunha das súas marxes, concretamente nos primeiros 3’2 quilómetros e nos últimos 400 metros; e aproveitou a ocasión para anunciar que encargará ao servizo de Vías e Obras a redacción dun proxecto que analice a viabilidade técnica e económica de completar as beirarrúas entre Jealsa e Quinteiro no tramo que atravesa os lugares de Ferreiros, O Coveliño, Quinteiro e Reboredo. Neste senso, afirmou que “a nosa idea é completar a actuación e dotar a todo o vial de sendas ou beirarrúas.”

Por outra banda, o presidente provincial e o mandatario local supervisaron as obras de ampliación e mellora da estrada DP-1102 de Cespón a Vidres, nas que a Deputación inviste 479.102 euros, ademais dos 142.000 euros que destinou no seu día ás expropiacións necesarias para a súa execución. Segundo explicou Valentín González, esta intervención supón incrementar o ancho dos primeiros 1’7 quilómetros da estrada, dotándoa dunha plataforma de 6 metros de ancho e beiravías de un metro, así como mellorar o seu trazado, suavizando algunhas das curvas existentes, o cal se traduce nunha mellora da seguridade do tráfico na zona.

As obras inclúen tamén a mellora dos enlaces existentes nos puntos quilométricos 0+300 e 0+720 para facilitar os xiros dos vehículos, a construción de varios muros de contención de formigón e a prolongación do sistema de drenaxe transversal existente, así coma a urbanización do tramo con saneamento, iluminación e mellora da sinalización horizontal e vertical. Os traballos sufriron retrasos debido aos servizos afectados -retranqueo ou retirada dos postes de luz e telefonía-, pero o servizo de Vías e Obras sostén que pretende reactivar a intervención no mínimo prazo posible.

Na recepción que tivo lugar na Casa do Concello, Valentín González Formoso destacou “o compromiso da Deputación con Boiro, cun investimento de máis de 7,5 millóns nos últimos catro anos para mellorar as infraestruturas e servizos municipais.” Unha cifra na que, tal e como apuntou, a creación o Plan Único (POS+) tivo moito que ver, pois a maior parte das achegas articúlanse a través deste plan de cooperación municipal, que permite que sexan os propios Concellos os que decidan onde investir os fondos provinciais. De feito, nos últimos tres anos Boiro acometeu numerosas actuacións de urbanización e mellora de núcleos rurais, construíu beirarrúas, redes de saneamento e abastecemento de auga ou parques infantís, ademais de financiar servizos básicos e amortizar parte da débeda municipal.

Con cargo ao POS+2020, cunha achega inicial de 736.196 euros para Boiro, o Concello financiará este ano a construción de beirarrúas en Esteiro e outros puntos do municipio, a mellora da seguridade viaria e a accesibilidade no entorno dos centros públicos de ensino da avenida de Compostela, a dotación de auga potable á parroquia de Bealo ou a mellora medioambiental do estuario do río Coroño, no tramo que vai do Coído ao pazo de Goiáns.

González Formoso incidiu en que, durante o actual mandato, a creación de emprego e o impulso ao mundo rural seguirán constituíndo os eixes estratéxicos da acción do goberno provincial que preside. Desta maneira, salientou a “boa acollida” da que goza o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, que desde a súa creación hai tres anos permitiu a 47 boirenses incorporarse ao mercado laboral e ofrecer apoio económico a 39 pequenas empresas locais través do programa PEL-Emprende, cun investimento de 633.000 euros. Así mesmo, subliñou “a aposta polo emprego da Deputación en Boiro”, que estreará nos vindeiros meses no polígono de Espiñeira un dos novos espazos sectoriais da Rede Provincial de Espazos de Coworking, que xa conta con centros en funcionamento en Oleiros e Brión, polo que, no caso de Boiro, centrará a súa actividade en sectores clave da comarca coma o conserveiro e o de transformación de produtos do mar, o hostaleiro e o turístico. Segundo manifestou, “trátase dunha iniciativa pioneira en España”, e detallou que os centros de traballo colaborativo desta Rede Provincial reunirán a emprendedores e emprendedoras dun mesmo sector profesional co obxectivo de “fomentar sinerxías que permitan crecer ás empresas que alí se ubiquen.”

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Legislatura serena y estable”. José Castro López

“Legislatura serena y estable”. José Castro López

El inicio de la duodécima legislatura en el Parlamento gallego reconcilia con la política,al menos por unos días. Sin entrar en los detalles de la liturgia protocolaria del acto, haydos imágenes relevantes que captaron las cámaras y publicaron los medios impresos...

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...