Aprobada a proposta dos proxectos de Rianxo para o POS+2020

19 Decembro 2019

O salón de plenos de Rianxo viviu na noite de onte unha sesión extraordinaria e urxente para aprobar as actuacións que se enmarcarán no Plan Único da Deputación da Coruña. Unha vez ratificada a urxencia da sesión, o alcalde Adolfo Muíños manifestou que “a complexidade da presentación dalgún dos proxectos de longa elaboración, tanto técnica como administrativa, impediu que fora tratado en comisión previa”, ademais de facer referencia a propostas que se pretenden atender cando se amplíen os fondos no mes de febreiro ou marzo. A continuación, o rexedor dispúxose a detallar a proposta que consta dunha decena de proxectos pendentes de executar e incluíndo catro novos. Estes últimos consisten no abastecemento do Outeiro, en Taragoña, completando a rede de servizos da zona; demanda da ANPA de Asados e do propio colexio para a recuperación do parque de xogos; e dous de saneamento e abastecemento: Vilas 1, o cal contempla o saneamento con depuración autónoma, sen engancharse á rede xeral, coa realización dun depósito onde se regularía o saneamento, polo que abrangue a unha trintena de vivendas; e Quintáns 1, enganchando á depuradora de Isorna, afectando a entre trinta e cinco e corenta vivendas.

O mandatario local incidiu en que, deste xeito, se pretendían cumprir varios obxectivos entre os que se atopan a prioridade e mellora da xestión dos proxectos do Plan aprobados con anterioridade e que están pendentes de executar; así como mellorar a solvencia financeira sen cargar fondos adicionais do Concello, asumindo tamén o pago a provedores e o pago da carga financeira, comezando a abonar o pazo de Rianxiño.

Neste senso, Adolfo Muíños insistiu no propósito de acometer neste curso a totalidade dos proxectos que se aprobaron nas fases anteriores, ademais de expresar que pronto se asinará o contrato para o cambio da iluminación e que entrará en licitación o proxecto das zonas wifi.

A edil de Ciudadanos, Sara Resúa, indicou sobre os prazos que “supoño que, por non variar, andan xustos”, razón pola cal sinalou que “haber se cambiamos dunha vez esta dinámica de plenos extraordinarios, que nin o equipo de goberno fai ben o seu traballo nin os equipos da oposición podemos facer unha oposición decente polo pouco tempo que se nos da para procesar a información.”

O voceiro de Rianxo en Común, Julián Bustelo, apuntou que “fan caso omiso ao que aquí propoñemos, debatemos e aprobamos, mentres que paralelamente executan accións que non están consensuadas e que non están recollidas nas contas aprobadas pola maioría desta corporación.” En relación a que o prazo está a piques de rematar, criticou “andar a contrarreloxo”, ademais de sinalar que fixeron públicas as súas iniciativas “con antelación suficiente”, rexistrando tamén un escrito no que facían referencia á necesidade de acometer esas actuacións.

A este reproche uniuse o portavoz do PP, Germán Allut, precisando que “non temos tempo real” para estudar a documentación e información aportada.

Pola súa parte, a socialista María del Carmen Figueira expresou que se trata dunha “proposta adecuada, realista” incidindo no exposto polo alcalde. A isto engadiu que “tratemos de facer o que podamos mellor para Rianxo desde aquí co que temos”, con obras para ter saneado todo o municipio e continuar pouco a pouco atendendo demandas.

Finalmente, a proposta saíu adiante cos votos a favor de BNG e PSdeG-PSOE, absténdose PP e Ciudadanos e votando en contra Rianxo en Común.

Outra das cuestións a tratar foi a modificación do convenio con ATRIGA. Segundo explicou o concelleiro de Facenda, Tobías Betanzos, este organismo da Xunta de Galicia atende o cobro da débeda tributaria que non se realiza en período voluntario, é dicir, cando hai un imposto que a persoa obrigada non paga en tempo, pásase á Xunta e ATRIGA xestiona ese cobro en período executivo. Deste xeito, propúxose atender ao requirimento de renovación do convenio, polo que o custo que propón ATRIGA céntrase en manter o recargo e 3’5 euros por tódolos procedementos. O asunto foi aprobado por unanimidade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Xustiza, traballo e salario”. Luís Celeiro

“Xustiza, traballo e salario”. Luís Celeiro

Segundo os datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), as persoasocupadas (traballadoras) en 2024 superaron os vinte e un millóns, unha cifra que sepensaba inalcanzable, pero que aí está, para darlle lustre á acción dos responsables de crearemprego....

“In Memoriam. Jesús Pérez Varela”. Alberto Barciela

“In Memoriam. Jesús Pérez Varela”. Alberto Barciela

IN MEMORIAM. JESÚS PÉREZ VARELA (Redondela, 19 de abril de 1949-Santiago de Compostela, 16 de enero de 2025) Por esas raras cosas contingentes de la vida, caprichosas, inexplicables, también por su enfermedad y aislamiento escogido, nos hemos privado durante años de...