Unha xornada técnica afonda no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (ao cal pertence Sálvora), organiza en Vigo unhas xornadas de carácter científico-técnico co fin de difundir o resultado dos estudos e proxectos de investigación máis recentes relacionados con este espazo natural. No evento, que se desenvolverá entre hoxe e mañá na sede oficial do Parque e cubriu a cifra máxima de asistentes, participan ao redor dun cento de persoas relacionadas, sobre todo, co mundo universitario, a investigación mariña e a ecoloxía.

Cómpre lembrar que un dos obxectivos que leva asociada a declaración dun espazo como parque nacional é fomentar o coñecemento dos seus valores e contribuír á investigación científica. No caso do Parque Nacional das Illas Atlánticas, desde hai anos estase a levar a cabo un esforzo neste sentido, ao tempo que se fai un seguimento dos distintos valores naturais, ambientais e culturais que atesouran estes arquipélagos.

O incremento do coñecemento sobre o parque está directamente vencellado ao nivel e ao número de estudos e investigacións que se realizan ao seu redor, pero tamén ten que ir asociado á difusión dos resultados obtidos grazas aos mesmos e á transmisión do coñecemento dirixida ás persoas que teñen unha relación profesional e vocacional co medio ambiente, e tamén ao público en xeral. Por este motivo, neste espazo celébranse periodicamente xornadas divulgativas co obxectivo de facer pública e axudar a darlle difusión á información obtida a través de distintos proxectos.

Concretamente, a quinta edición destas xornadas de estudo e investigación no Parque Nacional das Illas Atlánticas levan como título Factores de ameaza para o medio mariño e contarán entre os seus poñentes con investigadores das tres Universidades galegas, a decana do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBG), membros dalgúns grupos ecoloxistas -coma WWF- e un representante da Consellería do Mar.

Durante esta primeira xornada do encontro, como explicou durante a inauguración o director do Parque Nacional, José Antonio Fernández Bouzas, analizaranse os usos humanos do medio mariño das Illas Atlánticas e a súa influencia sobre as aves, así como algúns dos resultados do ambicioso proxecto II Rede para a recuperación dos ecosistemas mariños no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, unha iniciativa que se enmarca dentro do Programa Pleamar da Fundación Biodiversidade e que promove o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) co apoio e colaboración do propio parque.

Neste senso, en 2019 empezou a desenvolverse a segunda fase deste proxecto, dándolle continuidade aos traballos realizados xa no ano 2017 co obxectivo común de recuperar os ecosistemas mariños e preservar a biodiversidade característica e única destes arquipélagos. De feito, durante a intervención do COBGA resaltouse o bo estado de conservación dos ecosistemas mariños do Parque Nacional tras os estudos de seguimento realizados nos últimos anos.

Así mesmo, durante esta primeira xornada de traballo tamén se reflexionará sobre as especies exóticas presentes na costa galega, o estado de conservación dun hábitat chave nos ecosistemas mariños do Atlántico peninsular coma son os bosques de laminariales ou o resultado de dous programas desenvolvidos nos últimos anos: o de seguimento sobre a poboación de corvos mariños e o plan de detección e control precoz de carnívoros invasores no parque nacional.

Nestas V Xornadas de Estudo e Investigación do PNMTIAG está previsto abordar algunhas novidades normativas claves para o futuro deste espazo, coma a recente aprobación do seu propio Plan de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental. Trátase dun documento específico elaborado pola Xunta, en colaboración coa Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), para mellorar a protección dos valores patrimoniais que atesouran estas illas e é o primeiro que aborda de forma específica a súa situación e vulnerabilidade con relación a posibles accidentes e emerxencias marítimas.