
A décima terceira edición da Xuntanza das Persoas Maiores de Ribeira celebrarase o domingo, 24 de novembro, podendo adquirirse as entradas na Casa do Concello entre o venres 8 e o xoves 21. Así o deu a coñecer a concelleira de Servizos Sociais, Promoción Social, Igualdade e Diversidade, Ana Ruiz, acompañada de representantes dos distintos colectivos de maiores do municipio coma Gloria Lijó (Centro da Terceira Idade Santa Uxía), Manuel Pérez (Club de Xubilados do Mar de Aguiño e Carreira), José Manuel Prego (Club de Xubilados do Mar de Corrubedo), Juan José García (Club de Xubilados do Mar de Ribeira), así como Antonio Muñiz e Manuel González (Club de Xubilados do Mar de Palmeira).
A xornada comezará cunha Misa solemne, ás 12.30 horas, na igrexa parroquial de Santa Uxía, contando coa actuación da Rondalla de Aguiño. Posteriormente, terá lugar a recepción dos asistentes no polideportivo da Fieiteira, a partir das 13.15 horas. Ademais, disporase de autobuses que estarán nas inmediacións da antiga estación, para realizar os traxectos de ida e volta.
Unha vez comece o xantar, os asistentes poderán degustar distintos pratos, variando o menú respecto a edicións pasadas, e bailar ao ritmo dunha orquestra.
A edil Ana Ruiz destacou que esta cita ten por obxecto “a xuntanza lúdica e fomentar o ocio e o intercambio de experiencias entre os distintos clubs e asociacións de maiores”, tendo previsto ao redor do milleiro de comensais, polo que se pode superar a cifra da anterior convocatoria. Tamén precisou que os participantes teñen que ser residentes no concello de Ribeira e reunir unha serie de requisitos coma, por exemplo, ser pensionista polo sistema público español; ser pensionista de viuvez e ter 55 anos; pensionista cobrando prestacións ou subsidios de desemprego e ter cumpridos 60 anos; ou ser titular ou beneficiario do Sistema de Seguridade Social con 65 anos. Así mesmo, pódese ir acompañado de parella, sen que esta deba de cumprir as condicións anteriormente enumeradas.
Os interesados poden adquirir a entrada a un prezo de 16 euros achegándose ata a área de Tesourería no andar baixo do Consistorio. Da mesma maneira, poderán reservar na Oficina de Atención Cidadá as súas cadeiras numeradas.