Aprobado o traslado do mercadiño de Boiro á avenida da Constitución

15 Novembro 2019

Boiro celebrou na tarde de onte o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro, o cal contou con tres ausencias: unha concelleira do PSdeG-PSOE, un edil do PP e outro de Ciudadanos.

Os tres primeiros puntos da orde do día correspondentes ás actas da sesión plenaria ordinaria do 10 de outubro, así como as extraordinarias do 30 de setembro e do 16 de outubro, foron aprobados por unanimidade.

A continuación, abordouse a modificación do trazado da rúa Corrillo. O concelleiro de Urbanismo, José Luís Ruiz, manifestou que consistía en acometer unha nova enumeración debido á construción de novas edificacións no citado lugar, ademais de que o notificador propón a regularización da nomenclatura da zona coñecida actualmente como Xarmea, “cando este nome non corresponde entre os veciños do lugar con esta zona.” Deste xeito, suxeriuse a unificación de todo o lugar co nome de Corrillo, mantendo un límite pola parte superior con Xarmea e outro con Catadoiro. A cuestión saíu adiante cos votos favorables de PSdeG-PSOE, Boiro Novo e IC Boiro, así como as abstencións do PP e BNG.

Outro dos asuntos a tratar foi a modificación das designacións de representantes municipais en varios centros educativos, o cal foi aprobado cos votos a favor do PSdeG-PSOE, BNG, Boiro Novo e IC Boiro, ademais da abstención do PP. Así, o consello escolar do CEIP de Escarabote estará representado por Dores Torrado, o CEIP Santa María do Castro por Raquel Suárez e o IES Plurilingüe A Cachada por Carlos Ansoar.

Tamén se levou a pleno o traslado do mercadiño semanal para a avenida da Constitución, saíndo adiante cos votos favorables do PSdeG-PSOE e IC Boiro e as abstencións do PP, BNG e Boiro Novo. A este respecto, a voceira de Boiro Novo, Dores Torrado, expuxo que “este non é un problema novo” e lembrou que en xuño de 2017 o seu grupo municipal levara unha moción a pleno para a dinamización do mercadiño municipal, a cal fora aprobada por unanimidade. Neste senso, indicou que un dos primeiros puntos era a creación dunha comisión na que participasen tódolos grupos políticos, representantes do comercio local, vendedores ambulantes e praza de abastos para estudar e acordar accións propostas para axudar á dinamización, abordar distintas cuestións e a reubicación do mesmo. Pola súa parte, a voceira do BNG, Raquel Suárez, manifestou que “concordamos plenamente co que acaba de dicir a señora Torrado”, engadindo que “un tema tan delicado tiña que ser consultado cos outros grupos políticos da corporación.” Mentres tanto, o socialista José Luís Ruiz explicou que “entendemos esta medida como unha demanda veciñal e como unha acción que pretende dinamizar e contribuír ao beneficio económico do concello”, afirmando que se realizaron consultas aos actores implicados: traballo conxunto coa Policía Local para ver a viabilidade do cambio, xuntanzas con colectivos de vendedores ambulantes e consulta coa Asociación Boirense de Empresarios (ABE). Así mesmo, apuntou que a distribución dos postos foi acordada cos vendedores e que se procederá á regularización do pago das taxas por parte dos mesmos. O portavoz do PP, Juan José Dieste, manifestou que “nós o que desexamos é que esta decisión sexa boa porque se é boa, aínda que nós non participamos dela, é boa para os comerciantes, é boa para os praceiros, é boa para Boiro. É importante.”

O sétimo punto -aprobado cos votos favorables do PSdeG-PSOE, PP, Boiro Novo e IC Boiro, así como a abstención do BNG- foi relativo á modificación da ordenanza fiscal número 11 da taxa de recollida do lixo, mediante a cal, darlle traslado á cidadanía do aforro anual que ten o Concello no que se refire ao tratamento do lixo xeral. Deste xeito, conseguiuse un aforro total de 46.566’72 euros, pretendendo, co cambio de ordenanza, articular a fórmula de retribuírllo á veciñanza no pago da súa taxa para 2019 e sucesivos. A nacionalista Raquel Suárez precisou que o BNG propón composteiros comunitarios de cara a un “cambio real” da xestión do lixo.

O presidente da corporación e alcalde de Boiro, José Ramón Romero, fixo un cambio na orde do día, para saltar ao punto catorce antes de proceder co resto de asuntos. Así, aprobouse o expediente de concertación de dúas operacións de crédito, logo da súa urxencia. O primeiro lote comprende 1.069.466’48 euros, mentres que o segundo 426.154’36 euros. Preténdese así afrontar o pago de facturas do anterior goberno e cuestións do novo executivo. Manuel Velo, de IC Boiro, asegurou estar “preocupado coa situación económica deste Concello e co procedemento burocrático de como se está levando. Xa viña de atrás e segue.” Dores Torrado, de Boiro Novo, sinalou que tampouco se “incluíron ningunha das propostas concretas do noso pacto de investidura” coma, por exemplo, a apertura de Radio Boiro. A nacionalista Raquel Suárez fixo referencia á sesión onde se levou a modificación presupuestaria e indicou que “nós abstivémonos no seu día e por coherencia ímonos hoxe abster tamén.” Este asunto saíu adiante cos votos favorables do PSdeG-PSOE, PP e IC Boiro, o voto en contra de Boiro Novo e a abstención do BNG.

De seguido, tratouse a contestación do requirimento da Xunta de Galicia polo incumprimento da regra de gasto no 2018, que foi aprobada polos votos favorables do PSdeG-PSOE, PP e IC Boiro, o voto en contra de Boiro Novo e a abstención do BNG.

A moción presentada polos populares sobre o recoñecemento do labor que realizan as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Cataluña saíu adiante cos votos a favor do PP, PSdeG-PSOE e IC Boiro, a pesar dos votos en contra do BNG e Boiro Novo.

Boiro Novo levou a pleno unha proposta para a instalación de contedores de aceite usado e doutros residuos especiais, a cal foi aprobada cos votos favorables de Boiro Novo, PSdeG-PSOE, BNG e IC Boiro, así como a abstención do PP.

A moción do BNG respecto á adopción de medidas relativas aos espazos públicos de estacionamento foi aprobada por unanimidade. Esta inclúe a apertura do aparcadoiro de A Boqueira de A Negral, continuar habilitando prazas de estacionamento en tódolos lugares onde sexa factible, que se teña en conta a vehículos de dúas rodas e eliminar privilexios nos aparcadoiros públicos para liberar prazas para uso da cidadanía. Ademais, a formación nacionalista presentou unha proposta en relación coas celebracións e reivindicacións do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que inclúe, entre outros aspectos, a adhesión do Concello á campaña En negro contra as violencias, levar a cabo políticas feministas de maneira transversal durante todo o ano, utilización de linguaxe inclusiva e elaboración dun mapa do medo en colaboración cos colectivos feministas da localidade co obxectivo de erradicar eses puntos. O asunto saíu adiante cos votos a favor do BNG, PSdeG-PSOE, Boiro Novo e IC Boiro, así como a abstención do PP.

Outro dos puntos aprobados por unanimidade foi a moción presentada por Boiro Novo relativa á mellora de accesibilidade ao CEIP de Escarabote.

Finalmente, procedeuse coa quenda de rogos e preguntas. O voceiro de IC Boiro, Manuel Velo, aproveitou a ocasión para anunciar que pedira varios presupostos no que respecta a Radio Boiro, trasladándollos ao goberno local para decidir a adxudicación. Dores Torrado, de Boiro Novo, expuxo varias cuestións. Primeiramente, preguntou por quen se fará cargo da reforma consistente na colocación de láminas de céspede no campo de fútbol de Barraña, despois de que a principios de mes se realizase unha corta que, como consecuencia da chuvia, propiciou que o terreo de xogo quedase embarrado. En segundo lugar, quixo saber sobre cal é a situación das instalación do Club de Remo Cabo da Cruz. E posteriormente, trasladou queixas en torno aos desfibriladores. O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, respondeu que, no caso do campo fútbol, a empresa encargada do mantemento asumirá a reforma sen supoñer un custe adicional. En canto aos desfibriladores, afirmou que se colocaron onde hai máis actividade deportiva, en áreas accesibles e que funcionan despois de que se fixesen as probas oportunas. Pola súa parte, o edil de Urbanismo, José Luís Ruiz, sostivo que están “desesperados” o club, o Concello e o contratista, pero que están á espera de que Fenosa mude un poste de sitio e que, segundo comunicou a empresa, será no luns da próxima semana cando se acheguen ata o emprazamento. Tamén Raquel Suárez, do BNG, preguntou sobre quen efectuou o derribo dun parapeto no embarcadoiro de Curbera porque, tal e como puntualizou, cando hai vento varre a praia. O rexedor José Ramón Romero contestou que foi Costas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...