Aprobada a concesión da medalla de Ribeira á corporación municipal de 1979

27 Novembro 2019

Ribeira celebrou na tarde de onte o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro, o cal contou coa ausencia de Miguel Ángel Vázquez, do PBBI. Primeiramente gardouse un minuto de silencio en homenaxe a Luis Pouso, Bernardo Santos e o pai do actual edil Víctor Reiriz, antigos membros da corporación falecidos recentemente.

Despois da aprobación por asentimento da acta do pleno ordinario do 28 de outubro, procedeuse a abordar a concesión da medalla de Ribeira á primeira corporación democrática despois das eleccións de 1979, cumpríndose así 40 anos. O alcalde Manuel Ruiz manifestou que “estiveron representadas tódalas sensibilidades”, precisando que “creo que a única forma de homenaxear a aquela corporación polos valores que podía ter é tendo o recoñecemento do que é unha medalla Ribeira” porque “nada máis pode representar a un concello que quen foron os seus representantes, e ademais quen o exerceron dunha forma creo que tan exemplarizante e que tantas veces nos gustaría ver repetidas.” O voceiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón presentou unha emenda, xa que “máis fidedigno e máis acorde coa realidade histórica para que se fale, en vez, de primeira corporación democrática, primeira corporación do actual período democrático.” Mentres tanto, o portavoz do BNG, Xosé Vázquez Cobas, indicou que “non é prioritario dar honra a políticos”, apuntando que “nós non estamos de acordo con dar medallas a políticos por facer o seu traballo, cremos que estas medallas deben ser orientadas máis a xentes, colectivos” e “máis prioritario retirar por exemplo as honras a xerarcas da ditadura.” Pola súa parte, o voceiro do PSdeG-PSOE, José Manuel Vilas, cualificou este recoñecemento como “xustificado”, así como “oportuna, necesaria, así como que volvan a citarse, a poder ser, nesta Casa Consistorial os sobreviventes desa corporación tras 40 anos para intercambiar recordos, experiencias e tamén falar sobre a Ribeira de onte e a Ribeira de hoxe, para poder deixar unha imaxe para o recordo da democracia e a liberdade desa histórica corporación.” O portavoz do PBBI, Vicente Mariño de Bricio indicou “todo o noso apoio nesta proposta” e anunciou que a súa compañeira de partido Herminia Pouso se ía ausentar durante a votación deste punto porque o seu pai formaba parte da referida corporación. Así, a cuestión saíu adiante cos votos favorables de tódolos grupos municipais, exceptuando o BNG que votou en contra.

Seguidamente, saíu adiante cos votos a favor de tódolos grupos, agás PBBI e Suma Ribeira, a cuestión relativa ao expediente de desafectación do inmoble do matadoiro. A este respecto, o nacionalista Vázquez Cobas requiriu que figurase explicitamente no acordo que, co resultado desta desafectación, se destinarán cartos para infraestruturas coma a sede do Club de Remo Náutico de Riveira ou a nova Biblioteca municipal.

A continuación, abordáronse conxuntamente os puntos 4 e 5 da orde do día: expediente de licitación da concesión da nova EDAR de Ribeira e modificación na ordenanza da taxa de prestación do servizo de saneamento (B.1.14). O primeiro destes asuntos saíu adiante cos votos a favor do PP e BNG, a pesar dos votos en contra do PBBI e Suma Ribeira, así como a abstención do PSdeG-PSOE; mentres que o outro punto foi aprobado cos votos favorables do PP, as abstencións do PSdeG-PSOE, BNG e Suma Ribeira, agás os votos en contra do PBBI.

En canto ao expediente de cesión a Urbaser do contrato de xestión dos servizos de recollida de residuos urbanos e de limpeza viaria, produciuse un empate na votación: PP votou a favor, PBBI, BNG e Suma Ribeira votaron en contra e o PSdeG-PSOE abstívose. O voto en calidade do alcalde foi o que desfixo esta situación e posibilitou que a cuestión saíse adiante.

Outro dos asuntos a tratar foi o expediente de suplemento de crédito 2/2019. Segundo expuxo o rexedor, recibiron unha serie de recomendacións por parte do estudo de arquitectura encargado do deseño do novo Auditorio municipal. Neste senso, sinalaron eivas, algunhas de “difícil resolución”, se o inmoble municipal sae a licitación por 2.600.000 euros, e que para que o edificio reúna as condicións oportunas sería preciso incrementar a contía a 3.600.000 euros. Así mesmo, Manuel Ruiz aclarou que o que se estaba tratando era dunha operación de crédito para ir financiando ou dar liquidez ao Concello para esa obra, pero non significaba que o que se estaba aprobando era o custe que para o Concello vai ter. O punto saíu adiante cos votos a favor do PP e BNG, a abstención do PSdeG-PSOE,  e os votos en contra do PBBI  e Suma Ribeira.

Tamén se levou a pleno novamente o expediente de cesión en propiedade de terreos a AMBAR, pois unha persoa presentou un escrito para que “se deixe sen efecto dita cesión gratuíta.” Deste xeito, desestimouse a alegación e continuouse coa cesión tras os votos a favor de tódolos grupos e a abstención de Suma Ribeira.

O PBBI presentou unha proposición sobre o acondicionamento da antiga lonxa de Ribeira para acubillar os labores dos redeiros. A concelleira popular Ana Barreiro manifestou que traían esta iniciativa a pleno “cando a día de hoxe as xestións levadas a cabo por este goberno deron os seus froitos” e expresou que os trámites neste eido foron iniciados no 2017, así como que o programa de actuacións de investimentos e financiación da Xunta de Galicia destina 40.000 euros a esta intervención para o 2020. Así, o PP presentou unha emenda de substitución ao segundo punto, para que a explanada do paseo das Carolinas sexa de usos complementarios. A emenda saíu adiante cos votos favorables do PP e PSdeG-PSOE, a pesar dos votos en contra do PBBI, BNG e Suma Ribeira; mentres que o punto primeiro da proposta foi aprobado por unanimidade.

Os grupos aprobaron por unanimidade a proposta do PSdeG-PSOE relativa ao traslado do GAEM a outro emprazamento. A socialista Rita Rial explicou que modificaban o primeiro punto no que se solicitaba o seu cambio para a nave situada no lugar de Cruxeiras, pero que recentemente coñeceran que xa está destinada para o servizo de obras municipal. Por iso, requirían que fose a outro inmoble. Pola súa banda, o edil do PP, Víctor Reiriz, expresou que se atopan en negociacións para alugar unha antiga carpintería en Frións, chegando incluso a ter opción de compra.

No relativo á proposta do BNG sobre a reordenación do tráfico rodado no barrio do Monumento e rúas adxacentes que se consideran necesarias, o voceiro do PSdeG-PSOE, José Manuel Vilas, expuxo unha pequena variante do estudo; mentres que o portavoz do PBBI, Vicente Mariño de Bricio, solicitaba unha reorganización total do tráfico en Ribeira. O concelleiro popular, Víctor Reiriz, dixo que entregara o novo organigrama de como estaba a situación no Monumento, estando dispostos a sentarse cos voceiros e xefe da Policía Local para escoitar as propostas dos socialistas. O nacionalista Luís Pérez Barral requiriu tamén que se reúna a mesa de peonalización. Este asunto foi aprobado cos votos favorables de tódolos grupos, exceptuando os votos en contra do PBBI.

Posteriormente, o PSdeG-PSOE presentou unha proposta para a consecución da Autoridade Portuaria de Ribeira. O PP presentou unha emenda de substitución, a cal se encargou de expoñer o edil Ramón Doval. Así, propoñen que o pleno de Ribeira inste ao Goberno galego a través de Porto de Galicia e acometer nos peiraos de Ribeira as actuacións previstas e comprometidas, así como investir nos mesmos unha cantidade suficiente para manter as súas instalacións en condicións operativas de seguridade e mantemento. Engaden instar ao Goberno provincial da Coruña, dentro das súas potestades, para o nomeamento dun vogal no Consello de Portos e nomear representante da corporación municipal ribeirense e, do mesmo xeito, instar a Portos de Galicia á modificación dos seus estatutos para que dentro do seu Consello de Administración estean representados os portos máis importantes por volume de descargas e facturación da súa competencia. A emenda foi aprobada cos votos favorables do PP, PBBI e BNG, e coas abstencións do PSdeG-PSOE e Suma Ribeira.

Por outra banda, Suma Ribeira levou unha proposta sobre a regulación dos debates nas sesións plenarias. A este respecto, a concelleira María Sampedro presentou unha emenda do PP para buscar “un consenso democrático”, a cal saíu adiante cos votos a favor do PP, PSdeG-PSOE e BNG, a pesar dos votos en contra do PBBI e Suma Ribeira.

Finalmente, levantouse a sesión plenaria con tres puntos pendentes da orde do día, a dación de conta de decretos da Alcaldía, mocións de urxencia e a quenda de rogos e preguntas.

Outros artigos

O Concello de Ribeira insta á Xunta a dragar o porto de Santa Uxía

O pasado luns 30 de setembro celebrouse o pleno ordinario da Corporación do Concello de Ribeira onde o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes presentou unha proposición cun amplo expediente onde se detallou o precario estado de mantemento e conservación que presentan...

+

En Ribeira detectado un novo foco de gripe aviaria en aves silvestres

Corresponden a cinco exemplares de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), dos cales catro foron recollidos en Xove e o quinto en Ribeira. A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La hemeroteca y la realidad”. José Castro López

“La hemeroteca y la realidad”. José Castro López

Circula por la red una intervención del presidente del Gobierno en el Parlamento quedebió producirse cuando intentaba acordar la formación de Gobierno con Ciudadanos -las cámaras captaron a Rivera y Girauta en actitud de aprobación a su discurso-, del quereproduzco...

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...