20191022. O salón de plenos do Concello de Ribeira foi escenario dunha recepción por parte do alcalde Manuel Ruiz ao alumnado participante nun programa de intercambio escolar entre o IES Número 1 e o instituto Paulus Praetorius da localidade de Bernau, unha poboación cun tamaño similar ao municipio ribeirense e que se sitúa nas proximidades de Berlín, capital de Alemaña.
En total, foron 38 os estudantes congregados no Consistorio, 19 por centro educativo, xunto cos seus profesores. Os estudantes alemáns chegaron ao concello na xornada de onte e permanecerán ata o sábado 26. O rexedor deulles a benvida, desexándolles unha feliz estancia no municipio ao tempo que resaltaba as principais características e atractivos desta localidade, tales coma a illa de Sálvora (pertencente ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia), o Parque Natural de Corrubedo ou ser o primeiro porto pesqueiro de baixura de toda Europa, entre outros. Ademais, sinalou que estas iniciativas permiten rachar estereotipos e observar o que une, así como mergullarse na cultura dos países. Neste senso, apuntou que “o coñecemento dos vosos compañeiros e amigos, que a partir de agora van a ser de Ribeira, achegaravos moito máis ao que é Galicia, Ribeira e España.”
No acto tamén participaron dúas profesoras, Isabel Peleteiro, do IES Número 1, e Alvarez-Bech, mestra de castelán no Paulus Praetorius. Ambas fixeron fincapé na importancia de estreitar lazos e compartir valores. Pola súa parte, unha das estudantes do instituto alemán, Eve Kandora, expresou o seu agradecemento en nome do alumnado visitante e manifestou que “estamos desexando que cheguen os próximos días, aquí, en Ribeira, e estamos convencidos de que o tempo xuntos será inesquecible. Somos xoves e estamos moi dispostos a coñecer o mundo desde moi cerca, a través dos ollos dos nosos compañeiros de intercambio e as nosas propias experiencias.”
Finalmente, procedeuse á entrega duns agasallos consistentes nunhas camisetas e en libros relativos ao municipio ribeirense para ser incorporados á biblioteca do instituto de Bernau.