Ao redor de 300 desempregados da área do Barbanza poderán formarse nos cursos AFD

14 Outubro 2019

20191014. O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, presentou esta mañá os cursos de formación AFD (Accións Formativas dirixidas prioritariamente a desempregados) que se desenvolverán nos vindeiros meses na provincia. En total, na Coruña impartiranse, a través do Plan galego de formación 2019/2020, 281 cursos AFD, nos que poderán participar máis de 4.215 persoas que ampliarán a súa formación, e que ao remate recibirán os seus correspondentes certificados de profesionalidade, con validez en toda España.

Estas accións teñen lugar en centros homologados, que poden ser tanto empresas coma Concellos e entidades sen ánimo de lucro. Ovidio Rodeiro sinalou que “a través deste programa a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá na provincia coruñesa  máis de 11’8 millóns de euros.”

O alumnado que participe nestes cursos tamén terá dereito, sempre que cumpra uns requisitos, a becas que inclúen transporte, manutención, aloxamento, conciliación e apoio a persoas vítimas de violencia de xénero ou con necesidades especiais. De feito, o ano pasado, estas achegas ascenderon na provincia a máis de 4 millóns de euros.

O delegado territorial destacou que na área do Barbanza impartiranse 20 cursos para formar a 300 alumnos cun investimento que supera os 830.000 euros. Esta formación desenvolveranse maioritariamente en empresas e entidades sen ánimo de lucro, estando catro deles organizados polos Concellos de Boiro, Porto do Son e Ribeira. Os organizadores ofertarán accións formativas nos principais sectores da economía, primando a formación no eido do naval, a automoción, a edificación e obra civil, así como competencias clave e dixitais.

Esta iniciativa enmárcase na Axenda 20 para o Emprego e conta co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, “ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas.” A convocatoria destes cursos é plurianual (2019-2020), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, procurando lograr unha maior empregabilidade dos alumnos.

Así, os interesados poderán solicitar o centro e a materia na que se desexa formar a través do portal de Emprego https://emprego.xunta.gal/portal/index.php/gl/buscador-de-formacion. Tamén terán posibilidade de coñecer o custe do curso no que se van cualificar e que “a Xunta apoia ao 100%.” A persoa desempregada poderá obter na web toda a información sobre o curso que lle interesa: a data prevista de comezo, o horario, o lugar onde se imparte e os datos de contacto da entidade, así como a posibilidade de solicitar a preinscrición para o posterior proceso de selección que poderá levar a cabo o centro de formación. A cualificación que se imparta permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial.

Na selección do alumnado terán preferencia as mulleres, parados de longa duración, menores de 30 anos, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, alumnos con baixa cualificación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen certificados parciais.

Desde a Xunta indican que continúan impulsando os cursos de formación dirixidos a persoas desempregadas. Ademais, precisan que nas últimas edicións se acadou un grao de inserción de preto do 60% e deles, 2 de cada 3, conseguírono nos seis primeiros meses tras a finalización do curso.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

O chipriota Costas Kadis, de 57 anos, será -se así o decide o Colexio de Comisarios- o próximo Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea- A proposta de nomeamento parte da presidenta deste organismo da UE, Ursula von der Leyen, quen confía en que o político...