
20191001. As persoas ou entidades que desexen rexentar unha instalación de servizo temporal a vindeira tempada estival en zona de servidume poden, a partir de hoxe, presentar a correspondente solicitude. Está é unha das novidades que recolle o Decreto 97/2019, de 18 de xullo, polo que se regulan as competencias da comunidade autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, elaborado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
A presentación das solicitudes realizarse, preferentemente, por vía electrónica durante o último trimestre do ano para a tempada seguinte; adiantando un período de tres meses este trámite, xa que co anterior decreto establecíase que esa solicitude debería facerse no primeiro trimestre do ano. A partir da presentación da solicitude, a Administración disporá de cinco meses para pronunciarse sobre a mesma, reducindo nun mes o prazo de resolución.
Outra das novidades deste novo decreto é que as instalacións temporais e desmontables poden presentar unha solicitude de uso para catro tempadas estivais, en lugar de solicitar cada ano a autorización para cada una das tempadas de verán. Este cambio redunda “na simplificación da tramitación, redución de trámites, evitando aos interesados cargas innecesarias.” En todo caso, aínda que a autorización se outorgue por catro anos, as instalacións deberán desmontarse unha vez finalice cada unhas das tempadas incluídas no prazo outorgado.
A tempada de verán vai desde o 1 de maio ata o 31 de outubro de cada ano natural e, dado o carácter temporal e desmontable dos servizos, a autorización outorgada determinará expresamente o compromiso das persoas solicitantes de desmontar e retirar as instalacións no prazo de 15 días desde a finalización da tempada. Non obstante, poderá solicitarse autorización para este tipo de instalacións durante o período de Semana Santa que, no caso de solicitarse e autorizarse tamén para a tempada de verán, non sería necesario a retirada da instalación ata a finalización do período estival.
Xunto coas instalacións temporais e desmontables, tamén se regulan as instalacións permanentes para bares de praia, que permitirán ofrecer un servizo necesario para a utilización, uso ou goce do dominio público marítimo-terrestre de calidade, con carácter continuado e permanente, sempre que se xustifique esa necesidade e a prestación efectiva do servizo de modo continuado, máis extenso que o que se ofrece aos bañistas estivais, pola desestacionalización dos usos propios dos areais, tanto deportivos como de ocio ao aire libre.
Coas instalacións permanentes, o Goberno galego persegue “acadar unha mellora na calidade e na estética das instalacións, coa adecuación á contorna e cumprindo requisitos de calidade arquitectónica e de integración paisaxística; aspectos que coas instalacións temporais, por cuestións de viabilidade económica, moitas veces non se conseguen.”
A Xunta pretende con esta regulación “definir unha medida tendente a incrementar a protección do dominio público marítimo-terrestre, ao dotar de servizos de calidade as praias e tamén outras zonas do litoral, diminuíndo a súa demanda sobre o dominio público, enmarcándose dentro dunha política potenciadora do turismo de excelencia, con servizos que permitan atraer aos visitantes durante todo o ano, potenciando e consolidando así o medio rural coa posta en valor da súa contorna máis alá da época estival.”
Tal e como se indica no artigo 4 do Decreto, as actuacións en zona de servidume de protección do dominio público que deben ser obxecto de autorización autonómica, entre outras, son as obras; instalacións ou actividades que, pola súa natureza, no poidan ter outro emprazamento, coma establecementos de cultivo mariño ou salinas marítimas; aquelas que presten servizos necesarios ou convenientes para o uso do dominio público marítimo-terrestre, así como as instalacións deportivas descubertas; peches e muros de contención; acampadas e os campamentos de turismo; os establecementos expendedores de comidas e bebidas ao servizo do uso e goce do dominio público marítimo-terrestre (chiringuitos); e as instalacións temporais para a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas, así como as vinculadas ao desenvolvemento das actividades deportivas de tempada.