
O músico mozambiqueño Cheny Wa Gune estará esta fin de semana en Muros e Boiro e farao no marco das celebracións do 10.º aniversario do pasamento de Fran Pérez “Narf”, co patrocinio da Deputación da Coruña.
A cita de Muros será este venres no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil, a partir das 20.30 horas (pódense reservar convites en liña).
A cita de Boiro será o sábado 3 de outubro no Pazo de Goiáns, a partir das 21.00 horas, con entrada de balde.
O músico, compositor, docente e produtor Cheny Wa Gune é un dos grandes referentes e investigadores da música tradicional de Mozambique. O artista orixinario de Maputo ofrecerá en Muros e Boiro un concerto único para presentar a súa orixinal proposta, na que a tradición sonora africana dialoga de
forma fluída con conceptos musicais contemporáneos.
Recoñecido polo seu traballo de pescuda e preservación do patrimonio sonoro, Cheny Wa Gune destaca por ofrecer unha experiencia musical envolvente e chea de matices, na que emprega instrumentos tradicionais como a timbila, mbira, chitende e chigovia, integrándoos con outros contemporáneos como o baixo, o saxofón e a percusión.
En 2007, deu un paso fundamental na súa traxectoria ao impulsar o proxecto Cheny Wa Gune Quarteto, formación coa que en 2010 gravou o seu aclamado
álbum de temas orixinais Jindji Jindji. O título da obra —que na lingua orixinaria significa “facer vibrar, soar”— condensa a esencia mesma da súa filosofía
artística: unha música concibida para emocionar, activar a escoita e facer resoador o ritmo no corpo e no espazo.



