
Foi o pasado venres, 20 de novembro, cando a Escola de Educación Infantil (EEI) da Granxa (A Pobra do Caramiñal), celebraba o Día do Pixama, unha iniciativa educativa e solidaria promovida pola Asociación Estatal de Acogimiento Familiar (ASEAF) para concienciar sobre o dereito de todos os nenos e nenas a medrar en familia e dar a coñecer a realidade da infancia que vive en centros de protección.
Sinalar que ao longo desta xornada, que coincidiu co Día Mundial da Infancia, o alumnado participou en diferentes actividades educativas e de sensibilización adaptadas á súa idade: contacontos, lecturas, proxeccións de curtametraxes e propostas artísticas. A través delas, traballáronse valores como o coidado, o afecto, a convivencia e o respecto pola diversidade familiar.
Sensibilizar sobre o acollemento familiar e dar visibilidade á realidade dos menores que forman parte do sistema de protección era un dos obxectivos deste encontro que tamén serviu para lembrar que todos os nenos e nenas teñen o dereito a desenvolverse nunha contorna segura, estábel e protectora. Neste contexto, púxose o foco na situación daqueles menores que, por diferentes circunstancias, non poden convivir coas súas familias de orixe e precisan un fogar que lles achegue atención, afecto e estabilidade.
En Galicia, máis de 1.100 nenos, nenas e adolescentes viven con familias acolledoras, segundo os datos difundidos pola Xunta de Galicia en maio de 2026, situándose a nosa comunidade como a segunda autonomía con mellores ratios de acollemento familiar.
Malia estes avances, segue sendo preciso ampliar a rede de familias acolledoras. Segundo os datos facilitados por Cruz Vermella en febreiro de 2026, naquela altura había 73 menores en Galicia á espera de acollemento familiar. Esta realidade pon de manifesto a importancia de continuar promovendo iniciativas de sensibilización que contribúan a dar a coñecer esta medida de protección e a fomentar a implicación da sociedade.
Coa súa participación no Día do Pixama, a EEI da Granxa puxo de manifesto o valor da educación como ferramenta para fomentar a empatía, o respecto e o coñecemento das diferentes realidades familiares desde as primeiras etapas da infancia.




