A ABE formou a 40 empresarias e empresarios de Boiro en tecnoloxías e habilidades directivas

11 Outubro 2019

20191011 A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) vén de facer balance da súa actividade recente en materia de formación superior para directivos (formación tecnolóxica e innovadora), dous cursos desenvolvidos ao abeiro da rede Eusumo da Xunta. Segundo fai saber a entidade, as experiencias desta tempada foron un éxito dende o punto de vista cualitativo e, tamén, en materia de participación, xa que conseguiron formar a 40 empresarias e empresarios en habilidades directivas. A ABE lembra que foi a única entidade en activo da comarca de Barbanza que resultou beneficiada pola dita rede para a realización dos obradoiros para directivos.

A primeira cita formativa desta tempada desenvolveuse o xoves 3 de outubro, na que 20 empresarias e empresarios tiveron ocasión de adestrarse en habilidades dixitais. A maiores, este xoves celebrouse a segunda que tratou sobre a metodoloxía Lean Management, impartida pola escola de negocios Galicia Business School, e na que participaron outros 20 socios da ABE. En palabras da asociación, “foi unha oportunidade única de asistir en Boiro e de maneira gratuíta a outro curso superior impartido por unha das mellores profesionais do mundo das escola de negocios, Maite García-Valadés”.

O Lean Management é un método de organización das empresas que pretende un cambio, unha transformación nos procesos ou na maneira de facer as cousas, coa finalidade de melloralos. Esta filosofía de traballo que naceu en Xapón nos anos 70 na factoría de Toyota, céntrase na eliminación de todo o prescindíbel nos procesos de traballo, é dicir de todos aqueles labores innecesarios que non producen ningún valor para a empresa.

Finalizado o programa de capacitación, a ABE realizou a avaliación da calidade do mesmo, sendo a valoración media dos cursos e dos profesores “as máis altas na historia da asociación”, chegando ao 9,2 sobre 10. Nas observacións os participantes fixeron notar a necesidade e a conveniencia de “profundar neste tipo de xornadas” que ademais de formar “serven para facer grupo e traballar en equipo xunto con compañeiros empresarios da localidade”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...