Mar apoia seis pemes de Arousa Norte relacionadas coa transformación de produtos do mar

19 Setembro 2019

20190919. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución das axudas para que as pemes de transformación de produtos do mar poidan mellorar a súa competitividade. Estas achegas permitirán acometer melloras coma a optimización dos procesos de transformación, a innovación no ámbito da industria de procesado de peixes e na transformación de moluscos, a ampliación e adquisición de equipamentos nas plantas de transformación de produtos do mar e melloras en materia de eficiencia enerxética, entre outras.

O representante do Goberno autonómico visitou esta mañá unha das empresas beneficiarias, Fiss S. A. que contou cunha subvención de máis de 30.000 euros para levar a cabo a optimización do proceso de envasado e acondicionamento de especies peláxicas para garantir melloras das condicións dos traballadores.

O delegado territorial da Xunta destacou que na área do Barbanza “son 9 as empresas que cumpriron os requisitos e recibiron estas achegas que ascenderon a máis de 645.000 euros nos concellos de Boiro -2 axudas-, Muros, Outes, Porto do Son, Rianxo e Ribeira -3 axudas-.”

Ovidio Rodeiro sinalou que “os beneficiarios destas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), son pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura que realizan investimentos que contribúen a, entre outras cuestións, aforrar enerxía, mellorar a seguridade, optimizar os procesos de transformación e contar con novos produtos e procesos ou mellores sistemas de xestión.”

As achegas aprobadas no marco da convocatoria de 2019, nas que a Xunta aporta o 50% do proxecto global aprobado, teñen como destino actuacións que se desenvolven tanto este ano coma o próximo, co que o investimento se reparte nesas dúas anualidades, con 5’4 millóns de euros para este ano e algo máis de 6’1 millóns para 2020. Estas axudas xerarán un investimento total de máis de 26 millóns de euros na comunidade autónoma.

O obxectivo desta liña de subvencións é que o sector transformador dos produtos do mar poida mellorar a súa eficiencia enerxética, reduza o impacto no medio ambiente, promova a innovación e mellore a súas condicións de traballo e seguridade, o que contribúe a incrementar a súa competitividade e mellorar os seus resultados económicos.

Das convocatorias de 2016, 2017 e 2018 desta orde de axudas beneficiáronse preto de 130 pemes de transformación de produtos do mar por valor de máis de 30’7 millóns de euros. A través delas, subvencionáronse, entre outros proxectos, algúns relacionados coa posta en marcha de industrias de procesado de peixe, con equipamentos para a mellora dos procesos de transformación, coa innovación no ámbito de novos e mellores procesos, coa mellora no tratamento de residuos e o aforro enerxético.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...