20190905. O Concello de A Pobra do Caramiñal acolleu esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade, na que se acordou comezar os trámites para incorporar ao corpo da Policía Local ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero VioGén, así como a creación da Mesa de Coordinación Policial contra a violencia de xénero.
Estes dous acordos supoñen un paso adiante na loita contra esta lacra. Desde a Subdelegación do Goberno provincial indican que se atopan traballando para acadar a máxima participación das forzas de seguridade locais, en sintonía co indicado no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e través das Xuntas Locais de Seguridade. De feito, esta mesma semana a Xunta Local de Rianxo adoptaba decisións semellantes.
Cando se formalice a adhesión ao Protocolo VioGén, os axentes da Policía Local pobrense poderán colaborar coa Garda Civil de xeito máis eficaz e directo, o cal beneficiará en último caso ás mulleres que nestes intres sofren algunha ameaza de violencia machista neste concello. Os datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en A Coruña indican que na actualidade en A Pobra hai activos once casos deste tipo no sistema VioGén.
Ademais desta decisión, a Xunta Local de Seguridade aprobou a constitución da Mesa de Coordinación Policial na mesma materia. Este órgano de cooperación servirá para mellorar a colaboración entre as forzas de seguridade presentes no municipio e incidirá nunha mellora dos operativos de protección e seguimento. O Concello tamén se comprometeu a impulsar a constitución da Mesa Local Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, na que participarán representantes da sociedade e institucións locais.
No encontro tamén se informou sobre o dispositivo de seguridade previsto pola Garda Civil para os festexos do Nazareno, aos que tamén se desprazará unha unidade especializada da AXEGA.
A reunión foi presidida polo alcalde Xosé Lois Piñeiro e contou coa asistencia da vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno, Eva Vázquez, acompañada pola xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Maria Isabel Álvarez; o xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña e responsables de Policía Local e Autonómica, entre outros.