20190806. A parroquia ribeirense de Palmeira celebrará as súas festas esta fin de semana. A xornada do venres 9 dará comezo coas bombas de palenque, ás 09.45 horas. Pouco despois, ás 10.30 horas, os gaiteiros percorrerán as rúas cos seus tradicionais sons e, ás 11.30 horas, os máis pequenos da casa poderán desfrutar dos inchables instalados na Porta da Eira. Xa pola tarde, ás 16.30 horas, é a quenda de demostrar as habilidades e equilibrio no pau ensebado disposto na rampla ou no embarcadoiro, segundo a marea. A continuación, ás 17.30 horas, volverán os inchables para, ás 19.30 horas, empezar a festa da escuma. A partir das 22.30 horas, a noite estará amenizada pola orquestra Finisterre e Chocolate Disco Movil. Ademais, ás 00.00 horas, terá lugar o pregón a cargo de José Antonio Pérez Fernández e a coroación das raíñas.
O sábado 10, os máis preguiceiros espertarán, ás 09.45 horas, coas bombas de palenque. A partir das 10.30 horas, un grupo de gaitas, charanga e a Banda de Música de Caamaño serán as encargadas de pór o toque musical diúrno percorrendo os distintos emprazamentos. De feito, esta última ofrecerá tamén, ás 13.40 horas, un concerto no porto. Ás 11.00 horas, terá lugar o torneo de fútbol 3×3 no parque, mentres que o tren sairá coas raíñas ás 12.00 horas. Á tarde, concretamente ás 17.30 horas, iniciarase o partido de fútbol de solteiros contra casados para, posteriormente, ás 19.30 horas, oficiarse a procesión na honra da Virxe do Carme coa sucesiva Misa de Campaña presidida polas autoridades e cantada pola Coral Polifónica do Círculo Mercantil de Ribeira na Porta da Eira. Así mesmo, homenaxearase a Plácido Betanzos García e a todos aqueles que perderon a vida no mar. A música e baile nocturno correrá a cargo da orquestra Ritmo Noche e Disco-Movil Planet a partir das 22.30 horas.
Tras dous días de troula, o domingo 11 toca despedirse dos festexos coa actuación de Noche de Estrellas, a partir das 22.30 horas, e a queima dos fogos de artificio ás 00.00 horas.