20190828. Tal e como anunciamos esta semana en O Barbanza, a partir deste venres comezan as festas de San Ramón de Bealo e, con tal motivo, o Concello de Boiro acolleu hoxe a súa presentación. Ao acto asistiron o alcalde, José Ramón Romero; a concelleira de Turismo, Marisa Collazo; a directora do CIM, María Ortega; e Pablo Lorenzo, representante da comisión de festas.
Lorenzo afirmou que “como cada ano os actos relixiosos teñen un gran protagonismo e as misas da novena de San Ramón comezaron xa o día 22. O día 30 darán comezo os festexos coa subida dos santos dende a Igrexa parroquial ata San Ramón.” Xa pola noite agárdase gran afluencia de xente, especialmente de mocidade que acude á verbena e acampa nas inmediacións da ermida. O sábado 31, día propio de San Ramón, haberá misas e actuacións musicais que amenizarán a xornada.
Ademais, este ano incorpóranse algunhas novidades coma, por exemplo, a hora sen ruído que se vai fixar entre as 19.00 e as 20.00 horas do día 31 co obxectivo de que os cativos con autismo poidan gozar tamén destes festexos. A concelleira de Turismo e Servizos Sociais, Marisa Collazo, manifestou que “é unha medida coa que non chegamos a tempo nas festas do verán pero que queremos impulsar a partir de agora para concienciar e facer uns festexos inclusivos no municipio.”
Tamén se instalará un Punto Violeta para contribuír a unhas celebracións libres de agresións machistas. O espazo estará situado nas inmediacións do campo da festa e estará atendido por persoal especializado, levándose a cabo as funcións de asesoramento e información, así como a atención a posibles vítimas. Neste senso, a directora do CIM, María Ortega, indicou que “o que se pretende con esta iniciativa é fomentar o ocio sen medo e tamén prestar asistencia no caso de que sexa necesaria.”
Pola súa parte o rexedor boirense, José Ramón Romero, mostrouse satisfeito polo traballo realizado, tanto pola comisión coma desde Turismo, por seguir desenvolvendo esta celebración que é “unha das máis importantes para os veciños de Boiro, que nunca perden a súa cita anual no San Ramón, o que fai que a romaría teña máis de 250 anos de historia.”