
20190827. Co obxectivo de contribuír a uns festexos libres de agresións sexistas, o Concello de Boiro instalará un Punto Violeta en San Ramón de Bealo, tanto para o asesoramento coma para a atención de posibles vítimas.
O punto estará emprazado nunha carpa a carón do campo da festa, no acceso que vén desde a zona do monte onde se fai a acampada, xa que é o lugar máis transitado pola xuventude. O horario no que vai estar montado será o venres 30, de 23.00 a 03.00 horas, e o sábado 31, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.
Dito espazo estará atendido por persoal especializado, dúas socias de Unión de Muchachas, unha asociación non lucrativa que nace coa idea de promover accións culturais que repercutan na comunidade. Así mesmo, ambas voluntarias son activistas culturais formadas en prevención de violencias de xénero e perfil sanitario.
Ademais de prestar asistencia, no Punto Violeta darase información sobre a violencia sexista e tamén merchandising coma preservativos, chapas, adhesivos ou pulseiras, entre outros.