
Esta tarde o PBBI, PSdeG-PSOE e Suma Ribeira mantiveron unha xuntanza co obxectivo de falar e explicar a súa resolución de cara o pleno de investidura que terá lugar o sábado. A pesar de que o BNG tamén foi convocado por Vicente Mariño, rexeitaron a oferta desde un principio “en conformidade co acordado na asemblea que celebramos”, tal e como apuntou o cabeza de lista dos nacionalistas, Xosé Vázquez Cobas.
Terminado o encontro, José Manuel Suárez-Puerta, do PSdeG-PSOE, sinalou que os “os números non dan e, polo tanto, non hai moito máis que dicir”, así como que sosteñen que “imos votar por nós mesmos que é o que levamos mantendo desde un principio”, o cal “non quere dicir que non esteamos abertos a que si alguén nos quere apoiar.” Tamén quixo aproveitar a ocasión para aclarar que non existe ningún tipo de enfrontamento entre a agrupación local e agrupación provincial, xa que “mantemos unha liña común e a relación é excelente.”
Pola súa parte, Xurxo Ferrón, primeiro na lista de Suma Ribeira, manifestou que a xuntanza era de cara a investidura e sen “ningunha condición plena para reunirse nin había ningún compromiso previo por parte de ningunha das forzas.” Así mesmo, indicou que falaron sobre os próximos catro anos para “nas cousas aquelas nas que estivésemos de acordo o día de mañá, actuar no pleno conxuntamente.” E reiterou a abstención da formación pois “nós sacamos un comunicado despois da nosa primeira asemblea dicindo que nos iamos abster na investidura do sábado.”
Finalmente, Vicente Mariño, líder do PBBI, expresou que a todos aqueles que queiran cambiar “este tipo de políticas inmaduristas, este tipo de políticas antipactoriais que se fixeron nestes últimos anos en Ribeira, pois a man de Partido Barbanza Independiente está aberta” e agardará ata o último minuto, anunciando que votarán polo seu candidato. Agradeceu, polo tanto, a asistencia dos socialistas e de Suma Ribeira a un encontro no cal pretendían buscar unha alternativa ao goberno de Manuel Ruiz. Ademais, criticou a ausencia dos nacionalistas, insistindo en que “se o señor Ruiz ás 11 da mañá deste sábado é elixido alcalde de Ribeira será porque o Bloque Nacionalista Galego o permite porque os outros grupos, polo menos, amosaron dispoñibilidade de falar e discutir unha alternativa ao goberno.” Deste xeito, pensan que se pode repetir a circunstancia de catro anos atrás cando “os señores do Bloque dicían que a alternativa non saíra porque Ciudadanos naquel momento negábase a falar con partidos nacionalistas e que non había máis que falar. Pois agora non sei quen ocupa o nicho de Ciudadanos. Agora é o Bloque quen non quere sentarse a falar con nós.” Á cita acudiron Vicente Mariño e Gerardo Pardavila, do PBBI, José Manuel Suárez-Puerta e José Manuel Vilas, do PSdeG-PSOE, así como Xurxo Ferrón e Celia García, de Suma Ribeira.