Portugal elimina as peaxes nas autovías, incluidas as que conectan con Galicia

02 Maio 2024

Desde o un de xaneiro, xa non haberá que pagar os actuais dous euros e 40 céntimos por ir de Galicia ao Porto en coche

As SCUT, acrónimo de Sen Custo para o Utilizador, naceron como autovías libres de peaxes, como a A-28 que conecta Camiña co Porto a través de Viana do Castelo. Para os galegos, supuxeron unha alternativa gratuita á autoestrada que cruza o norte do país.

Pero en 2011, durante o rescate financeiro, Europa obrigou a establecer peaxes nestas vías, cambiando radicalmente a situación. Agora, 13 anos despois, a situación volve ao punto inicial.

A proposición foi presentada polo Partido Socialista, e recibiu apoio dos grupos de esquerda e, á última hora, dos 50 deputados do ultradereitista Chega.

Esta medida significa o retorno da gratuidade a media ducia de autovías portuguesas, incluíndo a A-24 (que conecta Viseu con Chaves e Verín) e a A-28.

Dende o primeiro de xaneiro, xa non haberá que pagar os actuais dous euros e 40 céntimos por ir de Galicia ao Porto en coche. Para os transportistas, o aforro será aínda maior, xa que a peaxe para vehículos de maior tonelaxe é actualmente de algo máis de 6 euros.

Ademais, rematarán as multas aos condutores inadvertidos que cruzan baixo os arcos de cobro automático.

O Goberno portugués do Partido Socialdemócrata encaixa a súa primeira gran derrota a dous meses da chegada ao poder cunha medida que deixará o Estado sen 157 millóns de euros anuais.(TVG)

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión