O Concello de Boiro promove a concienciación para a recollida de excrementos de mascotas

02 Maio 2024

O Concello de Boiro presentou este xoves 2 de maio os detalles dunha nova campaña municipal destinada á concienciación para a recollida dos excrementos de mascotas. O alcalde, José Ramón Romero, e a concelleira de Medio Ambiente, Olga González, foron os encargados de debullar unha iniciativa que se presenta baixo o seguinte epígrafe. Sempre que pasees o can, recolle o que deixa no chan.

Con esta campaña informativa o Concello de Boiro busca concienciar sobre a importancia de recoller os excrementos que das mascotas, favorecendo a convivencia. “Unha rúa limpa é a carta de presentación dun pobo e todos e todas debemos colaborar por manter a limpeza das nosas rúas”, afirmou o alcalde, José Ramón Romero.

Para favorecer a tarefa, colocáronse unhas papeleiras especiais con dispensadores de bolsas para a recollida de excrementos. As papeleiras estarán colocadas nos accesos ao Parque da Cachada e na rúa peonil de Boiro, Estatuto de Galicia, Santos Mieites e Pablo Iglesias.

“Esta campaña de sensibilización ten como finalidade que a veciñanza sexa coñecedora da problemática que existe e favorecer a recollida“, sinalou Olga González, concelleira de Medio Ambiente.

Na actualidade o Concello de Boiro conta cun censo de 2.500 cans polo que, sinalaron, “é preciso lograr un equilibro para a convivencia por motivos cívicos e tamén sanitarios”. A maioría dos axentes patóxenos dos animais elimínase a través dos excrementos, “o que supón unha das principais fontes de contaxio a outras mascotas”, engadiron.

Dende o Concello de Boiro recordan que a recollida de excrementos está tipificada na Ordenanza Municipal de Convivencia e Medio Ambiente e que o seu incumprimento pode ocasionar sancións que van dende os 200 aos 750 euros.

O Concello de Boiro aposta así por “mellorar a convivencia, como xa se vén facendo nos últimos anos, ao habilitar un parque específico para mascotas na avenida da Avellaneda”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión